Piden "solucións urxentes" para 22 alumnos do IES da Illa sen praza en Bacharelato

Os pais dos alumnos de 4º da Eso saíron este xoves á rúa para denunciar a situación
Pais e nais do alumnado manifestándose este xoves. DP
photo_camera Pais e nais do alumnado manifestáronse este xoves. DP

Sen praza para cursar Bacharelato. Esta é a situación actual de 22 alumnos do total de 55 que compoñen a promoción de 4º do IES Illa de Arousa, a escasos días de rematar o curso. O problema deriva da inexistencia de prazas para dar resposta a toda unha quinta de estudantes no Salnés que, tal e como salientou a presidenta da Anpa do IES Illa de Arousa, Mónica Leiro, "este ano é especialmente numerosa". No caso dos estudantes de Bacharelato da Illa, que o cursan en Vilanova, xa que o IES non conta con esta ensinanza, o problema agrávase máis, se cabe, ante a inexistencia de transporte público axeitado para o desprazamento dos estudantes ao municipio veciño. "Os horarios son intempestivos, e xa temos pedido axuda ás institucións, que non nos poñen solucións. Non estamos illados por vivir nunha illa, senon pola escasez de transportes", afirma Leiro.

O colectivo de nais e pais do alumnado da Illa saíron o xoves á rúa para reclamar o dereito dos estudantes a unha praza para cursar Bacharelato e, aínda que durante a tarde de onte, e tras manter unha reunión co delegado de Educación, a directora do centro comunicou á Anpa que ningún alumno quedará sen praza de Bacharelato en setembro, a Anpa reclama "solucións urxentes" para ter previsión sobre o futuro dos estudantes, ante a preocupación polo peche das matriculacións nos centros.

Comentarios