A Policía Local de Sanxenxo clausura dous locais por exceso de ruído

Ambos os establecementos contaban xa cun requirimento previo por contaminación acústica tras unha inspección anterior
2020080811185168722
photo_camera O Concello de Sanxenxo está a exercer unha rigorosa vixilancia nos negocios de lecer nocturnos. DP

A Policía Local clausurou a madrugada do venres dous locais, un en Portonovo e outro en Sanxenxo, por incumprir a ordenanza de 'Protección contra a Contaminación Acústica'. Ambos os establecementos contaban xa cun requirimento previo polo mesmo motivo, tras a inspección realizada a semana pasada pola empresa de control de ruídos contratada polo Concello de Sanxenxo.

Ata que os propietarios presenten unha certificación do instalador do limitador de son sobre o correcto funcionamento e emisión de datos para volver abrir o local, manterase o precinto en ambos os negocios.

As irregularidades detectadas sinalan que un deles non dispuña do sistema de medición e o outro o tiña desconectado, polo que ningún deles podía transmitir os datos á plataforma de xestión.

A ordenanza da 'Protección contra a contaminación acústica' é moi clara respecto destes incumprimentos, segundo apuntan fontes desde o concello da vila turistica: "Os dispositivos de control de son deberán enviar datos ó sistema de inspección de forma continua mentres a actividade estea en funcionamento, considerándose a falta de recepción dos mesmos así como a existencia de calquera incidencia, que atinxe ao funcionamento correcto do dispositivo, como suficiente para a suspensión preventiva da actividade'. Así o recolle o artigo 26.8.

Na resolución da Alcaldía advírtese aos interesados das consecuencias que derivarían no caso de que non respecten a medida. Desde o Concello de Sanxenxo incídese en que poderían incorrer nun "delito de desobediencia grave á autoridade", que sería tramitado ante o Xulgado de Instrución de garda.

Comentarios