domingo. 07.06.2020 |
El tiempo
domingo. 07.06.2020
El tiempo

A Policía Local de Vilanova, primeira de Galicia en contar cun coche 100% eléctrico

Roda, Durán e Maquieira, xunto ao novo coche da Policía Local de Vilanova, 100% eléctrico. DP
Roda, Durán e Maquieira, xunto ao novo coche da Policía Local de Vilanova, 100% eléctrico. DP
Rueda avanza que na próxima renovación do parque móbil da Xunta teranse "moi en conta" as opcións "mediante enerxías limpas" 

Vilanova de Arousa converteuse no primeiro concello de Galicia en dotar ao seu Policía Local dun coche 100% eléctrico. Aínda que xa leva uns días en servizo, o vehículo foi presentado este luns nun acto ao que acudiron o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e o alcalde da localidade, Gonzalo Durán. 

O rexedor vilanovés sinalou que, segundo os cálculos realizados por parte do Concello, a utilización deste coche por parte da Policía Local evitará a emisión de 500.000 quilos de CO2 por cada 5.000 quilómetros. 

O xefe da Policía Local de Vilanova, José Luís Maquieira, recoñeceu que, a pesar das reticencias que tivo nun primeiro momento cara a este tipo de vehículos, "a experiencia destes primeiros días foi marabillosa". 

Maquieira destacou que o coche non contamina, non emite ningún tipo de fume, non fai ruído e non mancha, como ocorre cos de gasoil. "É chegar, enchufalo e en 4 ou 5 horas está cargado. Tes autonomía para 270 quilómetros, dabondo para o"día , sostivo. 

O alcalde de Vilanova adiantou que este ano o Concello tamén adquirirá outro vehículo 100% eléctrico, que nese caso será unha furgoneta para o servizo municipal de Obras. "Todo o parque móbil que vaiamos substituíndo, incluso as motos, renovarémolo con vehículos eléctricos", sinalou o rexedor, "xa que Galicia é un sitio privilexiado que conta cun 70% de produción eléctrica mediante renovables".

RENOVACIÓN DO PARQUE MÓVIL DA XUNTA. Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitou ao Concello de Vilanova por ser o primeiro en dar este paso. "Un paso importante", engadiu, "oxalá renda o exemplo", apostilou. 

Rueda destacou que as administracións públicas teñen que ser as primeiras en dar exemplo coa utilización de enerxías limpas. Neste sentido, adiantou que "o Goberno galego está pensando en dar tamén ese paso" e que "na próxima renovación do parque móbil da Xunta teranse moi en conta as opcións de desprazamento mediante enerxías limpas". 

Ademais, o vicepresidente recordou que, con este mesmo obxectivo de respecto ao medio ambiente, tanto no edifico administrativo de San Caetano, en Santiago, como en moitos xulgados da comunidade autónoma cambiouse o sistema de calefacción por un de biomasa. "Que ademais é unha industria que en Galicia xera riqueza e postos de traballo", engadiu. 

Así mesmo, sinalou Alfonso Rueda que en cuestións de sustentabilidade "hai que empezar a cambiar moitos hábitos que están equivocados". "Somos conscientes de que é moi difícil pedirlle aos demais que o fagan se non o facemos nós. Así que desde a Xunta xa o estamos facendo e farémolo moito máis. E no parque móbil, por suposto, tamén", concluíu.

A Policía Local de Vilanova, primeira de Galicia en contar cun...
comentarios