A Policía Nacional atrapa en Vilanova ao narco Irajo Redondo, que permanecía fuxido desde 2015

Axentes de Pontevedra e de Madrid coordináronse para cazar a un dos principais subministradores de heroína do Vao

A acción coordinada do Grupo de Fugitivos adscrito á Udyco Central e a Policía Xudicial da Comisaría de Pontevedra serviu para a localización e posterior detención dun dos narcos máis buscados das Rías Baixas. Os axentes conseguiron atrapar a Joaquín Irajo Redondo, que se atopaba en Vilanova de Arousa, tras unha sigilosa operación que só transcendeu tras a alerta dalgúns veciños do lugar, que se viron sorprendidos polo despregamento de medios dos investigadores.

O detido permanecía fuxido da Xustiza desde 2015, cando adquiriu firmeza a última condena que lle foi imposta na Audiencia Provincial de Pontevedra por tráfico de sustancias estupefacientes. O vilanovés foi xulgado xunto a outras dúas persoas logo de ser detectado "ata en 14 ocasións", segundo detalla o ditame, no interior do poboado chabolista do Vao.

O Equipo Contra o Crime Organizado de Galicia (ECO Galicia) da Garda Civil foi o encargado de pararlle os pés naquel momento. Os investigadores explicaron que tratábase dun dos principais subministradores de heroína do núcleo de vivendas chabolistas e doutros puntos da provincia, especialmente no Salnés.

Irajo tamén foi cazado no monte Lobeira, preto de Vilagarcía, efectuando unha entrega de medio quilo de cabalo. Por todo iso foi condenado a seis anos de prisión que agora deberá empezar a cumprir.

Comentarios