Pontón pide "un apoio rotundo" para que o BNG dea "un paso adiante" en Cambados

A líder da formación frontista participou nun acto de apoio ao candidato á alcaldía Víctor Caamaño

Ana Pontón. BNG
photo_camera Ana Pontón. BNG

A líder do BNG, Ana Pontón, reclamou un "apoio rotundo" para o BNG nas próximas eleccións municipais para que, da man do seu candidato á alcaldía de Cambados, Víctor Caamaño, a formación frontista dea "un paso adiante" na localidade do Salnés. Pontón arroupou este venres a Caamaño nun acto celebrado en Cambados, onde a portavoz nacional do Bloque reivindicou o traballo realizado polos nacionalistas durante o último mandato desde o goberno local "tras 28 anos de desgoberno do PP". 

"Un tempo novo, libre de amiguismos e de corrupción no que se construíu un concello aberto, transparente con persoas dispostas a dar o mellor de si mesmas para que Cambados avance", remarcou Pontón, que cre que o BNG chega á cita coas urnas do próximo 26 de maio "máis fortalecido, con máis experiencia e capacidade".  Polo tanto, mostrouse convencida de que o Bloque está "en disposición de dar un paso adiante" porque ten "as ideas claras, honestidade e ao mellor candidato". 

Pola súa banda, a cabeza de lista do BNG, Víctor Caamaño, enxalzou o traballo do goberno de coalición que estivo á fronte do consistorio cambadés nos últimos catro anos. "Foi alternativo e de progreso grazas ao BNG", remarcou. 

Con todo, subliñou que "queda moito" por facer e chamou aos veciños de Cambados a apostar pola formación frontista "para contar cunha maior capacidade de actuación a través dunha maior presenza do BNG no futuro goberno municipal". 

Comentarios