Portonovo xa ten mestra turroneira

Comezou a elaborar turróns nun curso co mestre chocolateiro David Pallàs en Granollers e en poucos meses converteuse en toda unha estrela deste tipo de elaboracións, que deu a coñecer a pasada semana no mercado de Nadal do Campo de San Roque. Para Yesika Aguín, a destreza neste campo foi todo un descubrimento.
Portonovo Foto para reportaje a Yesika Aguin que hace turrones artesanales made in Portonovo Quedais con ella en la Rua dos Viños a la aultura de O Risonsiño Podeis hacer las fotos por la calle que esta decorada ella llevara varios tipos de tu
photo_camera Yesika Aguín amosa varios tipos de elaboracións na Rúa dos Viños de Portonovo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Unha mestría oculta que aflorou en plena pandemia e que agora fai as delicias da vila de Portonovo. Así comezou Yesika Aguín Gómez a interesarse polo mundo do turrón, cunha curiosidade innata polo mundo da repostería, que se acabou transformando en todo un don.

Esta veciña de Portonovo de 33 anos vén de marabillar a clientela no seu debut como artista do turrón na primeira edición do mercado de Nadal organizado pola asociación Rúa dos Viños no Campo de San Roque, no que esgotou as existencias rapidamente a base de elaboracións con sabor a Oreo, café irlandés, frambuesa liofilizada con noces de macadamia, Lacasitos, Choco Krispis e Kinder.

O certo é que todo comezou dun xeito "completamente improvisado", asegura. Cando hai uns meses se anotou no seu primeiro curso de elaboración do turrón, non imaxinaba ata onde chegaría o resultado. "Traballo facendo eventos en cociña, e co tema da pandemia apunteime a cursos online de David Pallàs", mestre chocolateiro e toda unha autoridade da alta cociña catalana e a nivel estatal.

"Ao último deles", explica Aguín, "xa se podía asistir de xeito presencial, así que fun a Granollers". Isto ocorreu a mediados do pasado mes de decembro e, poucas semanas despois, Yesika xa estaba mostrando os seus produtos no mercado de Nadal. "Pedían artesáns para participar e convidáronme. Non contaba con vender nada. Para o primeiro día fixen 12 turróns e vendín todo, tiven que quedar toda a noite traballando para facer máis para o día seguinte", lembra, entre emocionada e sorprendida.

Yesika esgotou as existencias das súas elaboracións con sabor a Oreo, café irlandés, frambuesa liofilizada con noces de macadamia, Lacasitos, Choco Krispis e Kinder

Entre o éxito das súas creacións, asegura, sobresaíu o turrón de Oreo e o de café irlandés: "Foron os que máis gustaron". E é que, a parte de saborosos, cada exemplar conta cun acabado e unha estética brillante. "O máis importante é templar o chocolate para facer o encamisado, e logo tamén o recheo, que pode ser máis brando ou tipo chocolate. Dependendo deste recheo, logo fágolle outra capa máis para acabalo e que quede consistente", explica.

A técnica parece sinxela pero non o é en absoluto, e menos obter un resultado de calidade de xeito completamente artesanal. Polo momento, Yesika deleita os seus familiares e achegados coas súas creacións, e xa comezou a recibir encargas. Entre os fogóns da cociña familiar, rememora as xornadas na panadería dos seus tíos en Portonovo, e dá renda solta a esta faceta gastronómica, que pode que lle veña de familia. "Sempre me gustou a repostería, nunca fixera turrón ata hai uns meses, pero a verdade é que agora descubrín todo un mundo", di.

Tras o éxito obtido no mercado de Nadal, onde se deron cita durante a pasada semana varios artesáns da vila, Yesika prantexa poder sacar beneficio económico nun futuro coas súas creacións. "Xa me animaron a montar un negocio", afirma. Para ela, vender os seus turróns de xeito profesional é algo que aínda non contempla nun futuro próximo, se ben tampouco o descarta a longo prazo. "Tería que estudalo todo moi ben, creo que non sabería por onde comezar", ri. Agora, pensa no vindeiro mercado e en futuras recetas coas que adozar o padal de toda unha vila.

Comentarios