A praza que aínda non é pública

O Concello de Sanxenxo confía en que os terreos no que se sitúa ese espazo, reformado no ano 2004, pasen a ser propiedade do Concello ao longo do ano 2020, no que se realizará outra mellora por valor de máis de 200.000 euros
Vista general de la zona, situada en las inmediaciones del campo de fútbol de San Pedro. RAFA FARIÑA
photo_camera Vista general de la zona, situada en las inmediaciones del campo de fútbol de San Pedro. RAFA FARIÑA

A pesar de ser coñecida popularmente como Praza Pública, un dos espazos máis emblemáticos da parroquia de Vilalonga continúa sendo, a día de hoxe, de titularidade privada, a pesar de que a súa inauguración se produciu fai máis de 15 anos. A contorna do campo de fútbol de San Pedro, no que se sitúan prazas de aparcadoiro, un parque infantil e unha ampla área de lecer que adoita acoller diferentes actividades, segue sen ser de titularidade do Concello de Sanxenxo. Con todo, nos próximos meses esta situación podería cambiar. Polo menos, esta é a intención do Goberno local, tal e como revelou o seu portavoz, a edil do Partido Popular María Deza, durante o Pleno ordinario do pasado luns, no que se aprobaron os Orzamentos correspondentes a 2020.

Precisamente, no apartado de investimentos inclúese unha partida de máis de 200.000 euros para realizar unha mellora neste espazo. Deza referiuse a este tema en resposta a unha serie de ataques lanzados pola líder do PSDEG-PSOE; Ainhoa Fervenza, que asegurou que esta subvención "carece de lóxica", xa que "o Concello non dispón dos permisos necesarios" para facer realidade esta actuación, cuxos detalles non se fixeron públicos aínda. María Deza explicou que actualmente os servizos xurídicos da Administración municipal están a traballar para conseguir que a parcela "pase a ser pública de xeito inminente", a través dunha conciliación. Aínda que non se referiu a prazos concretos, a concelleira de Planificación Territorial mostrouse convencida de que a inscrición no rexistro de propiedades do Concello levará a cabo "en breve".

Os servizos xurídicos da Administración local están a traballar para que o cambio de titularidade se efectue "en breve"

Deste xeito, o Goberno local quere pór punto e final a un proceso que leva moitos anos estancado. Foi no ano 2004 cando Telmo Martín, no seu segundo mandato en Sanxenxo, alcanzou un acordo co propietario dos terreos, o empresario local Epifanio Campo, xa falecido. Ese pacto serviu para que este útlimo accedese a ceder as parcelas necesarias a cambio de que se recolocase o emblemático quiosco situado na parte máis próxima á estrada.

Esa recolocación non chegou a facerse efectiva. De feito, o local, que tamén facía as veces de vivenda, cesou a súa actividade comercial a principios de 2015, pondo así punto e final a unha traxectoria que se prolongou durante máis de medio século. Tempo despois de que se confirmase o peche definitivo do negocio, o seu inquilino trasladouse a outra vivenda na localidade sanxenxina.

O cambio de titularidade permaneceu varios anos aparcado. Con todo, durante o último mandato da exalcaldesa Catalina González (2011-2015) esta cuestión foi tratada en varias sesións plenarias. Foi no pleno de novembro de 2013 cando a Corporación apoiou de forma unánime unha moción presentada por Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL), na que se propuña que levase a cabo a revisión do PXOM, de maneira que se facilitase o traslado do quiosco.

Comentarios