A preferencia peonil en Silgar será realidade a partir do fin de semana

Os traballos de pintado do Paseo comezan esta noite e retomaranse o domingo
2020070912110929386
photo_camera Finalización da instalación da plataforma no cruzamento de Vidal Rocha na mañá de onte.

Tras completar a instalación da pasarela á altura do Paseo de Silgar, o pintado de preferencia peonil comeza a última hora deste xoves na contorna de Punta Vicaño e o cruzamento coa Avenida Luís Rocafort. Os traballos realizaranse durante a noite, de 21.00 a 6.00 horas, para provocar as mínimas molestias posibles e limitacións de tráfico, sen que supoñan un corte total do paso de vehículos. A calzada vaise a pintar de vermello con círculos brancos, que servirán para orientar aos condutores e aos viandantes, e diferenciar con claridade como se ten que circular en ambos os casos, co obxectivo de dar preferencia ao peón na zona.

O Goberno local inicia o proxecto de prioridade peonil nos puntos máis sinxelos da actuación agora, e continuará durante a noite do domingo ao luns co pintado da confluencia entre Paseo de Silgar con Rúa Madrid. Nesta fase, máis complexa a nivel de tráfico, tamén se inclúe o pintado do cruzamento de Vidal Rocha onde na mañá de onte finalizou a construción da plataforma elevada. Para este tramo deseñarase un plan específico de tráfico para permitir o acceso ao parking.

Os traballos de pintado realizaranse en dúas fases con dobre capa, xa que é preciso que, para que a impresión da pintura sexa óptima, trascurra un período de secado de 24 horas. De forma simultánea tamén se porá en marcha a pintura dos pictogramas nas beirarrúas do Paseo de Silgar, que sinalizarán a preferencia peonil pola dereita ao longo de todo o viario. Todas estas medidas irán acompañadas dunha limitación de velocidade ao tráfico de 20 quilómetros por hora.

MONTALVO. Os traballos de mellora no acceso principal da praia de Montalvo e a reordenación dos aparcadoiros e espazos comezan tamén este xoves. Trátase dunha obra "moi necesaria" xa que, segundo explicou o Goberno local, o asfalto atópase en moi mal estado debido á antigüidade do viario e a cantidade de vehículos que soporta durante os meses de verán.

A actuación contempla a recolocación das casetas de baños e surfeiros, e a liberación de aparcadoiros na plataforma máis próxima ao areal, restrinxindo o acceso a esta parte tan só para o uso de vehículos de urxencias e servizos, vehículos de persoas con mobilidade reducida, e furgonetas de escolas deportivas. Esta intervención enmárcase dentro da planificación que o Goberno local ten prevista para a mellora da accesibilidade e a seguridade viaria en todo o concello.

As obras expostas consisten en facer unha renovación da capa de rodaxe da calzada, e acondicionar e organizar os aparcadoiros, mediante a extensión dunha capa de zahorra compactada. O ancho completo da calzada será de cinco metros, e cada unha das bandas de aparcadoiro tamén terá un ancho de cinco metros. Finalmente, executaranse as marcas viarias e pintado de símbolos, para mellorar a seguridade viaria da chamada "tixola de Montalvo".

Con estas actuacións, o Concello prepárase para unha próxima segunda quincena de xullo na que se espera que aumente a afluencia de visitantes.

Comentarios