O Priorato de Arra, rehabilitado tras un investimento de case 400.000 euros

O Goberno local de Sanxenxo estuda destinar parte deste espazo a fins turísticos, nos que poñer "en valor" o patrimonio natural e arquitectónico do interior do municipio
2020091614240568700
photo_camera O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Turismo, Flavia Besada, durante unha visita ás instalacións. CEDIDA

O Concello de Sanxenxo acaba de concluír a rehabilitación do Priorato de Arra tras un investimento de case 400.000 euros. A última fase dos traballos centrouse nos revestimentos de chans, paredes e teitos nas distintas estancias, pero tamén no acondicionamento do patio exterior, que se dotou dunha rampla de acceso que comunica os espazos do enclave.

O Priorato conta con dúas edificacións independentes que pechan o patio central, que articula todas as salas da planta baixa. Nesta planta acondicionáronse tres locais e un almacén, aseos masculinos e femininos, un distribuidor e un alpendre. Segundo informou o Goberno local, a primeira planta acollerá unha sala de usos múltiples, un despacho, un almacén e un hall, e a obra inclúe tamén a renovación do saneamento. Entre as dúas plantas suman unha superficie útil de 480 metros cadrados.

Na mellora deste inmoble, que no seu día foi vivenda duns monxes benedictinos relacionados co mosteiro de Armenteira, investíronse preto de 400.000 euros dos que 190.000 euros foron para a restauración da cuberta e os muros de cerramento da edificación, e outros 185.000, procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, investíronse na adecuación dos espazos.

O Priorato pasou a ser propiedade do Concello en 2004

As instalacións, nas que previamente foi necesario levar a cabo unha serie de tarefas para restaurar o peche perimetral e cambiar portas e fiestras, están agora á espera de que o Goberno local tome unha decisión definitiva sobre o seu uso xa que, segundo aseguraron desde o Consistorio, estúdase destinar parte do espazo a fins turísticos nos que "poñer en valor" o patrimonio natural e arquitectónico do interior do municipio, como é a Ruta do Pai Sarmiento ou o xacemento da Lanzada. O Concello recalcou que este uso non impedirá, en ningún caso, a utilización para actividades puntuais das asociacións de Adina.

O Priorado pasou a ser propiedade do Concello cando en 2004, durante o segundo mandato de Telmo Martín, a familia Garayzábal Enxoito deu o visto e prace para que esta xoia do patrimonio sanxenxino pasase a mans da administración local, a condición de que fose destinada ao uso e goce dos veciños da localidade.

Comentarios