A 'Raia de Ouro' homenaxeará a dúas peixeiras de Portonovo

Carmen Uhia e Ana Fernández recibirán o galardón, que recoñece os seus anos de dedicación á actividade
Entrega de la Raia de Ouro del pasado año. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Entrega de la Raia de Ouro del pasado año. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As 15 asociacións de Portonovo e o Goberno local, que participan na elección do galardón da Raia de Ouro, acordaron conceder este ano o premio por partida dobre a dúas mulleres que desenvolveron o oficio de peixeiras en Portonovo durante moitos anos: Carmen Uhia e Ana Fernández.

Segundo explica o Goberno local, Ana e Carmen foron "emprendedoras" nesta actividade "cando ninguén falaba dela". O galardón tamén é, en certo sentido, o recoñecemento a unha vida na que tiveron que facer fronte con determinación á necesidade de sacar adiante ás súas familias en tempos "moi difíciles". Ambas, xa retiradas do oficio, poderán recoller este dobre galardón durante as celebracións da Festa da Raia, a última fin de semana de abril.

Nesta ocasión, a Festa da Raia celebra a súa XXV edición, polo que o Goberno local destacou a singularidade do momento como a ocasión perfecta para facer unha "excepción", e que este ano sexan dúas as galardonadas.

A XXV edición da Festa da Raia celebrarase os días 24, 25 e 26 de abril, unha data que xa foi consensuada coas asociacións na anterior reunión entre Concello e asociacións. A intención do Goberno local é "consolidar o evento gastronómico sempre na última fin de semana de abril", coas excepcións que se poidan producir se algún ano a Semana Santa cae cerca destas datas.

NOVIDADES. O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín e a concelleira de Cultura e Educación, Paz Lago, aproveitaron a reunión coas asociacións, na que se tratou o premio da Raia de Ouro, para tratar algúns puntos novidosos previstos para a edición deste ano, e que se desenvolven en tres eixos.

En primeiro lugar, a concellería de Cultura ten intención de ampliar os días da Festa da Raia, polo que xa se atopa traballando para que as actividades se desenvolvan xa dende o venres. Neste sentido, e en segundo lugar, prevese ampliar os espazos, polo que a programación das actividades non só se desenvolverá na lonxa e no seu entrono, senón tamén noutras zonas de Portonovo.

En terceiro lugar, o Goberno local pretende ampliar a franxa de idade para o goce das actividades da Festa da Raia, polo que tamén se terán en conta as actividades para os cativos e cativas nesta edición, e tamén para os mozos e mozas, que ata o de agora non tiñan demasiada presenza nin alternativas no marco das actividades da festa.

Comentarios