Rebaixan as penas ao acusado de meter a man na caixa no cámping do Terrón

O fiscal do caso só ve acreditada unha das apropiacións indebidas, pois a contabilidade do negocio era opaca
2020091814202041861
photo_camera Un instante do interrogatorio do fiscal ao acusado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Fiscalía Provincial de Pontevedra decidiu rebaixar as penas que solicitaba provisionalmente para Óscar L.S., acusado os delitos de estafa, apropiación indebida e administración desleal por apropiarse, supostamente, duns 50.000 euros no marco da xestión do cámping O Terrón de Vilanova de Arousa, propiedade da súa familia.

O representante do Ministerio Público no caso, tras escoitar todos os testemuños de acusado, prexudicados e testemuñas, optou por manter a súa acusación só por un dos delitos de apropiación indebida. Iso é así porque a contabilidade da empresa obxecto de investigación non está nada clara, con gran presenza de diñeiro negro que impide calquera pescuda sólida.

Na primeira sesión do xuízo celebrada o martes, o investigado negara todos os feitos que se lle atribuían, sinalando que fora el quen achegara fondos propios á entidade para efectuar unha reforma integral do cámping, algo necesario, dado que "non había facturación", pois, ao parecer, as instalacións estaban obsoletas cando comezou a administralas, no ano 2015.

O procesado destacou que incluso tiveron que deter unhas obras con cargo a un préstamo do Igape que finalmente se lles retirou, pois o organismo dependente da Xunta non viu viable o negocio en vista das súas contas de resultados.