A recollida de aceite usado frea a contaminación de seis millóns de litros de auga

Entre os meses de xaneiro e agosto recicláronse máis de 5.420 quilos deste elemento, segundo cálculos do Concello
Aceite de oliva. EP
photo_camera Aceite de oliva. DP

O novo sistema de recollida de aceite, implantado en Sanxenxo no principio do ano, empeza a dar os seus froitos. Segundo os datos dos que dispón a Administración municipal, durante os oito primeiros meses de 2019 (é dicir, ata o 31 de agosto) recolléronse máis de 5.400 quilogramos deste tipo de restos. Deste xeito, o reto que se marcou inicialmente o Concello, consistente en chegase 2020 superando as sete toneladas recicladas, permanece intacto. De face ao próximo exercicio, o obxectivo é máis ambicioso, xa que se pretende dobrar esta cantidade.

O feito de reciclar aceite non é un asunto baladí. Non en balde, o Goberno local advirte de que esta medida serviu para evitar a contanimación e posterior depuración de case seis millóns de litros de auga (concretamente, 5.962.000). Cabe recordar que a vila conta na actualidade cun total de 17 colectores de recollida de aceite, distribuídos de forma estratéxica nas diferentes parroquias e núcleos do municipio. Un dos máis utilizados polos usuarios e veciños é o recipiente situado na rúa da Perla, en Portonovo, onde se depositaron 970 quilos en oito meses. Séguelle moi de cerca o recolector do Espiñeiro, tamén pertencente á vila mariñeira, con 940.

Aínda que o mínimo recomendado é de habilitar un colector por cada 1.000 habitantes, Sanxenxo quere superar esta media. é por iso polo que recentemente instaláronse tres máis, no lugar da Granxa (Dorrón) e outros dous de reforzo na Perla e O Espiñeiro.

Asemade, o Concello prevé dotar a Luís Rocafort e ao Mercado de Abastos de Portonovo doutras dúas unidades, ao que hai que sumarlle a reposición do recipiente que se situaba na rúa Progreso e que tivo que ser retirado temporalmente para facilitar os traballos de reforma do viario urbano. Adina, Padriñán, Bordóns, Nantes, Noalla, Vilalonga, Gondar ou A Florida son outras zonas nas que tamén se poden atopar os recolectores.

Comentarios