A reforma da fábrica de xeo de Portonovo xa está en marcha no porto por 183.000 euros

A Cofradía garante o abaratamento de custes e a produción de cinco toneladas ao día
2020102315163264203
photo_camera A fábrica de xeo, durante a primeira descarga de maquinaria. DP

O Porto de Portonovo poderá contar, nas vindeiras semanas, cunha fábrica de xeo renovada e a pleno rendemento, cun orzamento en reformas que acada os 183.000 euros. A Cofradía de Pescadores San Roque, xestora da fábrica, que dá servizo aos barcos e á lonxa, confirmou o inicio das obras no actual edificio, que supoñen a substitución de toda a maquinaria que cumpre unha función esencial na produción.

As reformas, segundo estima o patrón maior da Cofradía de Pescadores San Roque, Juan José Besada, suporán "un importante aforro en arranxos das frecuentes avarías da antiga maquinaria, e ademais disto produciremos un pouco máis barato, unhas cinco toneladas ao día".

A actual maquinaria da fábrica, que está en pleno proceso de substitución, contaba con entre 20 e 30 anos de antigüidade. Neste sentido, explica o patrón maior, "as fábricas de xeo en todas partes están dando perdas económicas, porque teñen moitas avarías e é caro producir o xeo. Nós tiñamos un problema co silo, co que cada avaría custaba entre 10.000 e 12.000 euros, e ao mellor tiñamos tres avarías así ao ano. Eran moitas perdas. Se un productor de xeo se estropea son entre 15.000 e 20.000 euros de reparación".

O abaratamento de custes que traerá consigo a nova maquinaria significará tamén unha redución no consumo enerxético, posto que a súa antigüidade supoñía "un consumo excesivo de electricidade". Segundo o patrón maior, a nova maquinaria "non dará problemas ata dentro de 20 anos".

A antiga maquinaria da fábrica contaba con entre 20 e 30 anos de antigüidade, con importantes avarías

NOVAS MÁQUINAS. A urxente reforma da fábrica de xeo está a levarse a cabo a través dunha axuda outorgada pola Consellería do Mar en réxime de concorrencia competitiva para proxectos de modernización das infraestructuras dos portos pesqueiros, financiada polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca (Femp). A subvención financia ao 100% o valor total da obra, 183.000 euros, a excepción do IVE.

A obra contempla a substitución do actual silo, que fai a función de depósito do xeo fabricado, por un silo orbital, que incorpora un sistema de extracción diferente, permitindo sacar o primeiro xeo que se produce, en permanente movemento, co que mellora substancialmente a súa calidade. O novo silo contará cunha capacidade similar ao anterior, de 20 toneladas. A Cofradía agarda que a instalación desta nova máquina se leve a cabo a partir do vindeiro luns, xa que "a antiga máquina era o xerme da maioría das avarías que tiñamos", explica Besada.

Outra maquinaria coma o novo equipo de produción xa se atopa montado no interior da fábrica, e hai varios días instaláronse os novos radiadores no tellado.

A subvención foi solicitada pola Cofradía de Pescadores San Roque o pasado mes de marzo, e outorgada o 21 de xullo. "A covid-19 fixo que se retrasara un pouco todo o proceso", indican. Finalmente, as obras de desmontaxe da antiga maquinaria puideron comezar hai unhas semanas, e durante os últimos días procedeuse á instalación das primeiras máquinas. Agora, a Cofradía agarda a chegada do novo silo, que suporá un antes e un despois na produción. "O luns comezan coa montaxe, e estimamos que a fábrica poida estar operativa en dúas ou tres semanas", aseguran.

Xeo para os barcos e a lonxa 
A fábrica de xeo xa viña acusando graves deficiencias nos últimos anos, onde as avarías eran unha constante que interrompía a produción. Ubicada en pleno Porto pesqueiro de Portonovo, é xestionada pola Cofradía de Pescadores San Roque, e produce para os barcos que venden na zona, subministrando tamén á lonxa. 

O xeo que produce a fábrica ubicada na vila mariñeira está destinado á pesca de baixura, e é demandado sobre todo polos barcos que saen do Porto de Portonovo para faenar no día, aínda que tamén se encarga de abastecer a algúns barcos de fóra destas costas que de cando en vez descargan o peixe en Portonovo, polo que nese momento aproveitan a ocasión para abastecerse para a seguinte marea. O xeo, estrictamente necesario para a conservación do producto, gozará agora de mellor calidade.

Comentarios