martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

A rexeneración da Carabuxeira sae a licitación por 143.000 euros

O estado actual da praia da Carabuxeira. JOSÉ LUíS OUBIÑA
O estado actual da praia da Carabuxeira. JOSÉ LUíS OUBIÑA
O proceso, que comezará mañá, dará un prazo de 90 días para terminar os traballos á empresa que resulte adxudicataria  Esta primeira actuación na praia consiste no achegue de 10.000 metros cúbicos de area situada no fondo mariño próximo

Fai máis de 10 anos que a veciñanza da contorna da praia da Carabuxeira espera un día que por fin chegou: Nauta Sanxenxo saca mañá a licitación a rexeneración do areal por un importe de 143.270 euros. O alcalde, Telmo Martín, deu a orde de activar o proceso tras recibir a media mañá do pasado venres a autorización de Costas do Estado para realizar os traballos que, unha vez adxudicados, terán un prazo de execución de 90 días laborables.

O novo impulso no proceso de rexeneración do areal saíu á luz a principios deste mes durante a visita ao areal da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. Nesta visita, Larriba anunciara a inminente firma da resolución de Costas sobre o proxecto, o último paso antes de proceder á licitación, que agora xa ten data. Na mesma visita, Martín estimara unha marxe de dúas semanas desde ese momento para proceder á licitación por parte de Nauta, prazo que tamén se cumpriu.

A rexeneración da Carabuxeira é unha obra custosa que o Goberno local leva investigando durante os últimos anos de forma moi activa. Antes de coñecer que parte da area orixinal que a praia lucía á altura dos anos 90 atópase depositada nos fondos mariños próximos a causa do arrastre das mareas, tras a construción do espigón do Porto deportivo, a mesa de traballo formada polo Concello, Costas do Estado e Portos de Galicia, estudara nun principio facer unha captación de area en Portugal, xa que encher a praia con area de canteira era "a última opción" para Telmo Martín.

Afortunadamente, e para evitar maiores dores de cabeza ao Goberno local, que nese momento preguntábase de onde sacar a area necesaria para a praia, o orixinal foi localizada nos fondos mariños próximos o pasado mes de xaneiro. A partir de aí, todo foi máis rodado. Aínda que os prazos estimados para o comezo da rexeneración a miúdo variaron nos meses sucesivos, situándose entre setembro e outubro deste ano, o que quedou patente é que non pasará do 2020.

A OBRA. A licitación contempla unha primeira actuación, que consiste no dragado e bombeo da area dos fondos mariños e na instalación de 70 metros lineais de xeotubos téxtiles que conterán o árido na praia, co obxectivo de que non sexa arrastrado de novo polas mareas. O achegue de area será de 10.000 metros cúbicos, procedentes da propia fronte de praia. Para poder fixala colocarase parte desta area dentro de geotextiles de apoio para garantir a contención. Por mor da dificultade do enclave, con numerosos baixos na zona e un sedimento repartido entre eles, calcúlanse uns bombeos diarios de 300 metros cúbicos.

O proxecto definitivo de rexeneración da Carabuxeira e Lavapanos, que aínda terá que esperar, contempla a achega de 14.000 metros cúbicos máis de area, e ademais inclúe a construción dun dique para evitar a súa futura perda. Mentres se avanza na primeira actuación, o Concello e Costas ultiman xa a redacción dun convenio para a creación dun paseo marítimo entre Panadeira, Lavapanos e A Carabuxeira, que permitirá o tránsito peonil e o goce deste tramo de costa urbana.

A rexeneración da Carabuxeira sae a licitación por 143.000 euros
comentarios