Os Reis Magos farán a PCR para recibir aos cativos na sala Nauta de Sanxenxo

O Concello habilitará dúas horas gratuitas adicionais no parking para as familias empadroadas
O Rei Gaspar durante a cabalgata do ano pasado. RAFA FARIÑA
photo_camera O Rei Gaspar durante a cabalgata do ano pasado. RAFA FARIÑA

A falta de Cabalgata, os cativos e cativas de Sanxenxo non quedarán este ano sen ver aos Reis Magos. O Concello anunciou este venres que se levará a cabo o día 5 de xaneiro unha recepción Real na sala Nauta, ubicada no porto deportivo, e que contará coas "máximas garantías sanitarias". Neste sentido, tanto Melchor, Gaspar e Baltasar coma os paxes reais e membros da organización do evento someteranse a probas PCR horas antes da recepción real, aínda que tamén se manterá en todo momento a distancia de seguridade. As medidas sanitarias extenderanse tamén ás familias que acudan ao encontro coa toma de temperatura e a obrigatoriedade de usar xel hidroalcohólico antes de entrar á recepción, así como a delimitación dos itinerarios para evitar aglomeracións.

O Goberno local establece estas medidas sen restar "un ápice de maxia" ao encontro cos Magos de Oriente horas antes de que deixen os agasallos nas casas dos nenos e nenas do municipio. "Nun ano especialmente difícil para os nenos e nenas, dende o Goberno non queremos deixar pasar unha data especialmente significativa para manter a ilusión e a maxia como é o día de Reis. Este ano, as circunstancias obrigan a facer algo distinto pero seguro, que espero lles guste ás familias", sinalou a concelleira de Cultura, Paz Lago.

Ademais, co obxectivo de facilitar a chegada á recepción Real e a intendencia ás familias que acudan a ela acompañando aos cativos e cativas, o Concello de Sanxenxo habilitará dúas horas gratis a maiores no parking de Nauta para as familias empadroadas no municipio, que se suman ás outras dúas horas que xa teñen gratis habitualmente.

As Súas Maxestades de Oriente enviarán unha mensaxe a través das redes do Concello despois da recepción Real

HORARIO. A recepción Real que terá lugar o día 5 de xaneiro, comezará a partir das 17.00 horas, e dende o Concello sinalan que non rematará "ata que todos os nenos que acudan ao encontro poidan ver aos Reis Magos de Oriente", de xeito que non quede ningún sen expresar os seus desexos.

Aqueles cativos e cativas que, por calquera motivo, non logren chegar a tempo para o encontro cos Reis, poderán entregar as súas cartas aos paxes que acompañan ao séquito Real. Dende o Goberno local informaron tamén de que, tras a recepción, os nenos e nenas deberán estar atentos ás redes sociais do Concello de Sanxenxo, xa que Melchor, Gaspar e Baltasar enviarán unha mensaxe destinada aos nenos e nenas de Sanxenxo a través desta canle.

En Vilagarcía estarán dende este sábado en Fexdega
As Súas Maxestades de Oriente farán varias paradas tamén por Vilagarcía. O amplo corredor de entrada ao recinto feiral de Fexdega acolle durante catro días a Recepción aos Reis Magos, unha actividade "deseñada con todas as medidas de seguridade para evitar calquera risco de contaxio". A cita xa completou máis da metade do aforo, con 1.880 prazas, de xeito que os interesados aínda teñen marxe de posibilidade para anotarse en www. reismagosvilagarcia.org. As prazas da tarde do día 5 están xa esgotadas, pero aínda quedan vacantes para o sábado 2, domingo 3 e luns 4.
As recepcións funcionarán todos os días de 16.00 a 21.00 e o domingo de 10.00 a 14.00 horas. As colas desenvolveranse en quendas de 30 minutos, unha para os que teñen cita ás en punto, e outra para os de e media. Unha vez dentro, haberá unha soa ringleira para que os nenos e nenas entreguen a carta aos Reis e fagan fotografías.

Comentarios