O parque de Punta Vicaño lucirá máis verde en Semana Santa

O Goberno local calcula que a repoboación do céspede estará concluida en abril
O alcalde, Telmo Martín, e o edil de Medio Ambiente, Juan Deza, durante a visita. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O alcalde, Telmo Martín, e o edil de Medio Ambiente, Juan Deza, onte durante a visita. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O parque de Punta Vicaño, que renovou radicalmente a súa apariencia nos dous últimos anos, e cuxa obra de remodelación rematou o pasado mes de decembro, aínda continúa a experimentar algunhas melloras. Nestes momentos, a vista está posta na repoboación do céspede, que o Goberno local calcula que estará concluida no mes de abril.

O terreo aínda conserva as cintas protectoras coas que se pretende preservar o crecemento da herba, polo que o paso está restrinxido nalgunhas zonas para evitar pisadas, segundo aclarou na mañá deste xoves o edil de Medio Ambiente, Juan Deza, durante unha visita conxunta co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, na que ambos quixeron comprobar o estado da zona xa coas obras finalizadas. "Agardamos que en Semana Santa isto esté perfecto", asegurou Martín en referencia ao crecemento do novo céspede.

Punta Vicaño tamén loce xa un novo conxunto arbóreo, que foi repoboado despois da tala de varios exemplares eliminados, segundo explicou o alcalde, "por seguridade, seguindo a recomendación dos técnicos, que dixeron que había que talar e repoboar". Neste sentido, Martín asegurou que "se prantaron máis do dobre das árbores que se talaron", algo que avalou o edil de Medio Ambiente, que cifrou a contía en 80 exemplares, entre especies foráneas e autóctonas. Deste xeito, segundo explicou Deza, o parque inclúe especies coma o liquidámbar, ginkgo e faias, e tamén outras autóctonas, nunha zona de bosque atlántico na que están presentes os carballos, castiñeiros e acivros, combinados con outras especies mediterráneas coma aciñeiras ou sobreiras.

O parque conta cun sistema de arredor de sete cortes que se estenden cada varios metros para evitar a acumulación de augas, e cunha senda de xabre cemento con ligante natural.

O alcalde quixo destacar a "beleza" do novo estanque no epicentro do parque, que conta en total con 20.000 metros cadrados de extensión entre Sanxenxo e Portonovo. Martín convidou "a todas as persoas a que visiten o lugar", para o que se destinou un investimento de 160.000 euros. O alcalde e o edil de Medio Ambiente non descartaron acometer algunha actuación máis na zona no futuro.

Comentarios