Requisan en Meis 10.000 máscaras sen homologar destinadas á venda a comercios

O valor do material aprehendido pode superar os 18.000 euros
Mascarillas sin homologar incautadas en Meis. DP
photo_camera Máscaras sen homologar incautadas en Meis. DP

A Garda Civil incautouse en Meis de case 10.000 máscaras sen homologar que supostamente se destinaban á venda por xunto en distintos establecementos comerciais da comarca do Salnés. 

A intervención, informa o Instituto Armado, produciuse na tarde do venres, cando efectivos das patrullas de Fiscal e Fronteiras de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa realizaban un punto de verificación na PO-300, en Meis. Ao parar o vehículo e inspeccionar o seu maleteiro, os axentes localizaron 9.330 máscaras cirúrxicas, infantís e do tipo FFP2, sen ningún tipo de homologación e sen o certificado de conformidade europea (CE), tal e como asegura a Garda Civil. O valor do material aprehendido pode superar os 18.000 euros. 

Ademais, sinala a Benemérita, o condutor do coche, un veciño de Bueu de 45 anos e de orixe asiática, non presentou "ningún tipo de documentación que puidese xustificar a orixe comunitaria destes artigos, nin outra documentación que acreditase a legalidade da súa venda". 

Ao parecer, o individuo vendía as máscaras en establecementos comerciais da zona. Por todo iso, notificóuselle a suposta comisión dunha infracción á Lei de Contrabando e o material intervido será posto a disposición da Sección de Aduanas e Impostos Especiais en Pontevedra. 

Comentarios