Rescatan pola fiestra a un vilagarcián de 160 quilos que caeu na súa casa

O home, de 40 anos, tiña a cadeira rota e foi trasladado ao Hospital do Salnés
Hospital do Salnés. ARCHIVO
photo_camera Hospital do Salnés. ARQUIVO

Un home de 40 anos tivo que ser rescatado a través da fiestra da súa vivenda, situada no terceiro piso dun edificio situado na rúa Arcebispo Xelmírez, de Vilagarcía. O suceso rexistrouse durante a mañá deste mércores. O motivo que orixinou a intervención de urxencia estriba en que sufriu unha lesión que lle impedía andar, tiña a cadeira rota e pesa ao redor de 160 quilos, o cal complicaba o seu traslado.

Os Bombeiros do Salnés tiveron que despregar a autoescala para poder desprazar a vítima ao exterior e, de aí, ata a ambulancia. Tampouco foi sinxela esta tarefa, pois nin a padiola nin o persoal sanitario estaban preparados para o traslado dun paciente destas características, por iso é polo que foron os propios bombeiros os que lles botaron unha man tanto para preparar o transporte ao Hospital do Salnés e, unha vez nas súas instalacións, movelo á sala de Raios X. A chamada de alerta produciuse ás 7.45 horas.