Retiran máis de 400 quilos de lixo en praias da Illa de Arousa

O programa Plancton busca "fomentar a conservación dos mares galegos e a sostibilidade das actividades socioeconómicas que neles se leva a cabo".
Voluntarios do programa Plancton recollendo lixo en areais da Illa. DP
photo_camera Voluntarios do programa Plancton recollendo lixo en areais da Illa. DP

Máis de 160 voluntarios de diferentes entidades retiraron ao longo da mañá deste mércores máis de 400 quilos de residuos en diferentes areais da Illa de Arousa, onde se iniciou o programa Plancton, un proxecto impulsado por Afundación, a Obra Social de Abanca, cuxo principal obxectivo é "fomentar a conservación dos mares galegos e a sostibilidade das actividades socioeconómicas que neles se leva a cabo".

A iniciativa, que se desenvolverá ao longo de 2021, conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP, e é complementaria ao proxecto Life-IP Intemares.

Así, voluntarias e voluntarios da Confraría de Pescadores da Illa de Arousa, o CEIP Torre da Illa, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), e as asociacións do terceiro sector Bata e Con Eles percorreron os distintos enclaves seleccionados para a retirada manual de lixo, entre eles as praias de Cabodeiro, Sapeira, Aguillón, Riasón e Tarais ou as das Salinas, Xastelas, Lontreira, As Margaridas e Punta Carreirón.

Elementos de orixe pesqueiro, como cabos, pequenos fragmentos de redes e apeiros de cultivo, e utensilios de tipo doméstico, como as bolsas e tapóns plásticos, botellas, garrafas, envoltorios, bastóns para limpar os oídos, ademais de cabichas e pequenos restos de plástico, son algúns dos residuos que retiraron dos distintos areais. Como resultado desta gran limpeza, en total recolléronse máis de 400 quilos.

A deste mércores foi a primeira das diversas accións deste tipo que se programaron no marco do programa Plancton ao longo deste ano. A seguinte será este próximo sábado, 24 de abril, na illa Guidoiro Areoso, onde un grupo de navalleiros da Confraría de Pescadores da Illa de Arousa capitanearán unha nova limpeza, neste caso de fondos, acompañados por voluntarios mergulladores do Club Subacuático Pérez-Sub.

Este día, e logo da retirada dos residuos dos fondos, os lixos mariños serán transportados nunha embarcación da Confraría de pescadores de San Xulián ata o porto de O Xufre, onde os voluntarios de Afundación e ABANCA procederán á súa clasificación e pesado, contando co apoio doutras entidades como a Federación Galega de Actividades Subacuáticas (Fegas), Protección Civil de Vilanova de Arousa, o Servizo Marítimo da Garda Civil e do Concello da Illa de Arousa, que apoiará noutras tarefas de organización e xestión final dos residuos retirados.

O PROGRAMA PLANCTON. Afundación, a Obra Social de Abanca, impulsará durante 2021 un programa multidisciplinar para "fomentar a conservación e sustentabilidade das actividades socioeconómicas" desenvolvidas en catro das Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño (Zepa) existentes en Galicia dentro da Rede Natura 2000.

O Plan de Conservación Territorial On (Plancton) desenvolverase nos espazos mariños das Rías Baixas, punta Candieira -ría de Ortigueira-Estaca de Bares, costa de Ferrolterra- Valdoviño e Costa da Morte, así como nas zonas de orixe da actividade pesqueira que incide sobre a poboación das aves mariñas. 

Fomentará a posta en práctica de "diferentes medidas relacionadas coa conservación das especies, a minimización de capturas accidentais de aves" durante o exercicio da pesca e a implementación de prácticas sostibles nas actividades socioeconómicas relacionadas co sector do mar nas zonas Zepa. 

Todas as accións complementaranse, co obxectivo de espertar unha conciencia sostible na sociedade, con diversas actividades de sensibilización e formación sobre o valor intrínseco da biodiversidade e da súa conservación, ademais de con exposicións e outros labores de divulgación.

Comentarios