Rock e sardiñas polo Revenidas

Este domingo é o turno de NAO, Chocolate Remix, Doctor Krapula, Gogol Bordello, Los Jinétes del Trópico, Gambeat DJ e La Duendeneta
Actuación de Skacha en 2019. DANIEL CRUZ (REVENIDAS)
photo_camera Actuación de Skacha. DANIEL CRUZ (REVENIDAS)

Parecía un milagre só ao alcance de Santiago Pemán, pero a chuvia finalmente respectou segunda xornada do Revenidas. O día grande do festival comezaba cedo pola mañá no parque de Dona Concha, con concertos e unha sardiñada popular organizada pola asociación Repichoca para recadar fondos para o festival. Após a sesta para facer a dixestión, ás 17.30 comezaba a Gala Circo Solidaria, que este ano contou cunha proposta a prol do circo feminino.

Ás 20.00, TNT Band comezaba a caldear o ambiente no peirao de Vilaxoán co seu show que mistura de composicións propias e versións das cancións en galego máis míticas. Entre elas, 'Terra', para a que contaron coa compañía dos Dakidarría, que actúan este domingo nos concertos de balde de Dona Concha. Á media hora, un Evaristo tan enérxico como o seu público aparecía en escena, apropiándose do palco Mahou coa inconfudíbel raiba e ironía dos eternos Gatillazo e rematando de prender o lume para o resto da noite.

A chuvia respectou unha intensa xornada de festival

Despois, El Niño de la Hipoteca, coa axuda de Los Ratones e malia algún fallo de son, facía bailar ao Revenidas ao ritmo das súas cancións. Pouco antes das 23.00, Los Caligaris inxectaban un chute de bo rollo ao público de Vilaxoán cun espectáctulo de aires circenses no que fusionan desde rock até cuarteto da súa Córdoba natal. A golpe de media noite era a quenda do punk dos míticos Skacha. O primeiro festival dos vigueses após a súa volta ás andainas non defraudou, abrindo o apetito dos de sempre e dos recén chegados de cara a próximas datas. Talco tomaban o relevo unha hora máis tarde. O estilo punkchanka que os caracteriza volveu triunfar entre o público do Revenidas en forma de pogo.

Pasadas as 2.00, Valira irrumpía no Fest Galicia. O novo proxecto de Juan Zanza, guitarrista de La Raíz, foi quen de convencer até aos máis escépticos de Vilaxoán, facendo obrigatorio seguirlle a pista á banda de agora en adiante. Sobre as 3.30, o público vivía a catarse final da man de Rebeliom do Inframundo. Os rapeiros levaron á noite en Vilaxoán a un final apoteósico cun hip hop moi de seu que xa é sinónimo de calidade na escena musical do país.

ACTUACIÓNS DO DOMINGO

Para pechar o festival, o público poderá gozar ao longo deste domingo das últimas actuacións, que darán comezo ás 17.30 con Nao sobre o escenario e rematarán de madrugada con La Duendeneta. Entre medias tocarán tamén Chocolate Remix, Doctor Krapula, Gogol Bordello, Los Jinetes del TrópicoGambeat DJ.

Comentarios