Sanxenxo abre a porta a aumentar o persoal municipal tras as eleccións

O Concello dispón de 256 empregados en tempada baixa, unha cantidade que rolda os 400 durante o verán

Socorristas en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Socorristas en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Sanxenxo precisa de máis persoal. O concelleiro responsable deste departamento, Marcos Guisasola, non esconde que esta cuestión deberá ser abordada durante o próximo mandato. "Hai varios postos que deben reforzarse si ou si", recoñece. A día de hoxe, o Concello conta con 256 empregados durante boa parte do ano. No entanto, no verán as incorporacións dos auxiliares da Policía Local, os socorristas e os peóns fan que o cadro de persoal ascenda a uns 400 integrantes aproximadamente. Trátase dunha cifra que os integrantes do Goberno local que resulte das eleccións municipais do próximo 26 de maio terán que revisar.

Á hora de referirse a esta cuestión, Guisasola pon como exemplo o que sucede en áreas como Servizos Municipais. "Hai moitos ocos que cubrir", sinala. Aínda que o Concello non acometeu despedimentos, as xubilacións foron unha constante en diferentes departamentos, o que fai que queden varias prazas vacantes. Esta situación vívese tamén en Seguridade Cidadá. "En xuño retiraranse tres axentes, aos que hai que sumar outro que xa se xubilou o pasado mes de febreiro. Nós consideramos que o persoal debe ser máis amplo, polo que é unha cuestión que haberá que afrontar no futuro", sostén o concelleiro de Economía, Facenda e Persoal. Marcos Guisasola ten moi claro que, sexa quen sexa quen asuma a Alcaldía, "este tema non debería posporse máis aló de finais de 2019".

Nos últimos anos, a Administración local tivo as mans atadas no que a cubrir prazas vacantes se refire, xa que había que someterse ás directrices marcadas polo Plan de Axuste, que entrou en vigor en 2012. No entanto, Guisasola sinala que a boa saúde económica da que goza actualmente o Concello fai que aos poucos nos vaiamos liberando das reestriccións que marcaba o documento".

Salvo sorpresa, o plan expirará en 2022. "A situación foi mellorando grazas a unha boa xestión. Pola contra, resultaría imposible, máxime cando en todos estes anos conxelamos as taxas municipais. De feito, incluso baixamos o Imposto de Bens Inmobles (Ibi)", puntualiza o concelleiro do Partido Popular.

Doutra banda, o Goberno local tamén ve factible deixar a débeda a longo prazo a cero a finais de 2020. A día de hoxe sitúase nuns catro millóns de euros aproximadamente.

Comentarios