Sanxenxo aplicará cambios na Policía Local e avaliará a súa "produtividade"

O Concello adquirirá a aplicación 'XesPol', con acceso inmediato á base de datos de Tráfico
El Gobierno local se reunió este miércoles con los sindicatos. CEDIDA
photo_camera O Goberno local reuniuse este mércores cos sindicatos. CEDIDA

O Goberno local de Sanxenxo quixo recoñecer que "durante a crise do coronavirus a Policía local fixo un gran traballo. Pero tamén é certo que o servizo da policía local leva 20 anos practicamente sen cambios e, por iso, necesita adaptarse aos novos tempos e incorporar habilidades tecnolóxicas que hoxe en día son imprescindibles", explicou. Así, quere unha policía "máis próxima" que, "ademais de circular nos vehículos, percorra andando os lugares máis concorridos para ofrecer un mellor servizo a veciños e visitantes". No marco destas melloras, o Goberno local reuniuse este mércores cos sindicatos na mesa de negociación, para tratar como tema principal o número de horas da xornada laboral dos policías.

Segundo o Concello, ata agora, excepto os policías de oficina, medio ambiente e urbanismo, que fan 40 horas semanais, o resto dos axentes fai 33 horas. O Goberno considera que deben facer 37,5 horas, igual que o resto dos empregados municipais, "tal e como di o informe xurídico do que dispón o Concello" e que será remitido aos representantes sindicais para abordar nunha próxima reunión enmarcada dentro da negociación.

Co obxectivo de mellorar "a calidade do servizo e a profesionalidade dos axentes" o Goberno ten a intención de aumentar o complemento de destino e recoñecer un complemento de produtividade vinculados ao cumprimento duns requisitos que serán avaliados polo mando e o concelleiro responsable, Jaime Leiro, como a puntualidade, a dispoñibilidade as 24 horas, a produtividade, a formación e o desenvolvemento de habilidades nas novas tecnoloxías, entre outros.

Outro aspecto "fundamental" é a dotación de novas tecnoloxías á Policía Local. Para iso, vaise a adquirir unha aplicación deseñada por policías locais doutros concellos que se chama xesPol, e que facilita o traballo diario dos axentes, a través da cal poderán ter acceso a base de datos de Tráfico e ás do propio Concello. Por exemplo, un axente que queira comprobar se un local está a cumprir o aforamento, poderá acceder rapidamente á información da licenza. O Concello tamén vai adquirir 4 drones e facilitará a formación de 8 axentes que se mostraron interesados na utilización desta ferramenta tan útil para o control do tráfico e a seguridade cidadá.

Comentarios