Sanxenxo aprobará un orzamento de máis de 39 millóns antes de acabar o ano

Inclúe investimentos asegurados doutras administracións como o Plan Concellos da Deputación e o boulevard da PO-308 de Portonovo, cofinanciado entre Xunta e Goberno local
RAFA 19.30 concello de sanxenxo. Primeiro pleno presencial do ano. Pode haber movemento ás portas do concello polo tema de emerxencias
photo_camera Telmo Martín, nun pleno. RAFA FARIÑA (ARQUIVO)

A aprobación do orzamento de 2022 do Concello Sanxenxo será unha realidade antes de terminar o ano. Así o anunciou este xoves o Goberno local, tras convocar a primeira comisión de Contas que se celebrará en dúas sesións os próximos días 9 e 15 de decembro, co obxectivo de que "os portavoces da oposición dispoñan de tempo suficiente para analizar as cifras antes da súa aprobación". Aínda que o orzamento non está pechado definitivamente, o Goberno local estima que se cifrará en algo máis de 39 millóns de euros. As contas definitivas levaranse a Pleno extraordinario o próximo 20 de decembro.

Neste sentido, tanto os ingresos como os gastos previstos para 2022 por parte da entidade local, Terra, Turismo de Sanxenxo, Nauta e Ínsula alcanzan esta cifra, da que preto de catro millóns destinaranse "a investimentos no municipio". Na suma total, inclúense investimentos asegurados doutras administracións como o Plan Concellos da Deputación e o boulevard da PO-308 de Portonovo, cofinanciado entre Xunta e Concello.

A maiores das actuacións municipais, o Goberno contempla os investimentos que se realizarán con achegas doutras administracións, algunhas xa tramitadas ao longo deste ano, pero que se farán realidade en 2022. No caso da Deputación de Pontevedra, trátase da reforma do pavillón de Baltar, a mellora do viario Noalla-A Lanzada, a humanización da contorna do colexio de Portonovo, a humanización do viario que vai do Vinquiño a Contumil ou a mellora de seguridade viaria en Adina. Ademais, o próximo ano, a Xunta ten prevista a actuación na senda fluvial de Dorrón.

Para rematar, os fondos europeos Next Generatión sufragarán os proxectos turísticos que presentou Sanxenxo. Estas actuacións suman, en conxunto, preto de sete millóns de euros.

Á espera de contar co orzamento definitivo, o Goberno destaca o custo dalgúns servizos, relevantes no municipio, e que supoñen unha "parte importante nas contas municipais", e que Sanxenxo "intenta mellorar cada ano", a pesar de ter os impostos máis relevantes (IBI, lixo e vehículos) "no rango mínimo".

Máis de 11 millóns de euros en servizos 
O Concello de Sanxenxo contempla no orzamento de 2022 un total de 11.162.113 euros destinados a diferentes servizos municipais. 

Recollida de lixo: 2.959.565 euros destinados a recollida de lixo e tratamento, limpeza viaria e coidado de parques e xardíns. 

Ciclo da auga: 2.514.037 euros para saneamento, abastecemento e depuración. 

Servizos Sociais: 2.200.749 euros para garderías, centro de día, SAF o resto de servizos. 

Policía Local: 1.889.850 euros. 

Iluminación pública: 799.302 euros. 

Piscina municipal: 798.610 euros.

Comentarios