Sanxenxo atende a unha poboación multiplicada por oito co 30% de médicos

A voceira do BNG local, Sandra Fernández, e a deputada Montse Prado condenaron a situación, agravada polo "descontrol dos botellóns" no municipio e "os paseos sen máscara"
Montse Prado, Sandra Fernández e Andrea Ucha en Baltar. DP
photo_camera Montse Prado, Sandra Fernández e Andrea Ucha en Baltar. GONZALO GARCÍA

A deputada polo BNG no Parlamento galego, Montse Prado, e a voceira da formación sanxenxina, Sandra Fernández, compareceron onte ás portas do centro de saúde de Baltar para dar conta da "preocupante" situación sanitaria que atravesa, nun verán no que non só non se reforzou a plantilla cos habituais dous médicos e catro enfermeiros a maiores, senón que, ademais de contar tan só cunha persoa máis en Enfermería, os traballadores deben pasar consulta só co 30% de médicos dos habituais, nunha época na que "a poboación multiplícase por oito no municipio".

Neste sentido, tal e como detallou Prado, Sanxenxo conta con 10 médicos, sete para Atención Primaria e tres para pediatría, dos que actualmente só están traballando "res facultativos para todo". Ademais, engadiu Fernández, "a situación é aínda peor en Urxencias, xa que cando o único médico que hai ten que facer unha saída, o PAC queda sen ningún. Non ter médico en Urxencias é unha temeridade en pleno verán en Sanxenxo"», afirmou.

Á situación do centro de saúde e do PAC súmaselle, en palabras da voceira do BNG, "o descontrol dos botellóns. Á plantilla de auxiliares de Policía Local, aos que lles queda moi grande a situación de Sanxenxo no verán, por culpa do problema que Telmo Martín creou coa Policía Local, non está controlando isto como debería. Calquera de nós pode ver tamén á xente paseando sen distancia de seguridade e sen máscara, sen que fagan nada", criticou. Neste sentido, Fernández pediu que "o alcalde saia reiteradamente para solicitar o uso da máscara nas rúas concorridas de Sanxenxo, como Silgar, Paseo dos Barcos, Augusto González Besada, Avenida de Madrid ou Rafael Picó, ademais do paseo da feira multisectorial. Debe facer un chamamento á cidadanía e deixar de esconderse, ademais de esixir unha Sanidade de calidade, que en Sanxenxo está sendo un caos".

As cifras do Salnés A Atención Primaria, baixo mínimos

No concello de Sanxenxo a situación do centro de saúde é "límite". Así o denunciou a deputada Montse Prado, que sinalou que o municipio só conta actualmente con tres médicos dos 10 habituais. Ademais, explicou, "faltan dúas persoas de Enfermería", xa que actualmente só hai seis, e tan só outras dúas auxiliares que fan o labor de reposición de material das 16 consultas, ademais de en Urxencias, e tamén falta un administrativo. "Non só non fixeron o reforzo habitual do verán, que era de catro enfermeiras e dous médicos a maiores, se non que aínda hai menos persoal do habitual. Hai un dobre recorte, xa que este ano só se contratou unha enfermeira máis", engadiu Fernández.

No caso do Grove, no PAC falta un médico, "outro só está cuberto por horas e outro máis atende por teléfono porque deu positivo", sinalan. Este mércores, de oito enfermeiras soamente había catro, polo que "a poboación non ten continuidade na Asistencia, e cada día ten un médico distinto".

En Cambados, de nove enfermeiras, este mércores había cinco, e dos 10 médicos habituais tamén traballaban a metade, mentres que en Vilagarcía "a día de hoxe faltan nove médicos".

Neste sentido, Prado e Fernández aseguraron que "a Atención Primaria de calidade non está garantida", e "menos nos concellos turísticos do Salnés, nos que non só non reforzaron o persoal, senón que son menos, poñendo en risco a saúde física e mental dos profesionais".

 

Comentarios