Sanxenxo celebrará o VI Certame de Pintura Rápida de Arra o vindeiro 8 de agosto

O Concello e a organización incrementarán os premios do concurso elevando a contía desta edición para poder responder de forma equitativa ao nivel de calidade das obras presentadas
undefined
photo_camera A concelleira de Cultura, Paz Lago, o presidente de Arra, Bruno Vidal, e membros da directiva, onte na presentación do Certame de Pintura. CEDIDA

Sanxenxo volverá celebrar o Certame de Pintura Rápida de Arra e terá lugar o vindeiro 8 de agosto. A concelleira de Cultura, Paz Lago, en compañía do presidente da Asociación Cultural San Cayetano de Arra, Bruno Vidal, e os membros da directiva, presentaron onte pola mañá o concurso no patio interior do Priorato.

No acto, incidiuse na "importancia e valor" que ten este certame para a parroquia, xa que «é unha das citas artísticas máis importantes na que participan veciños e visitantes» á par que se consegue obter "unha colección de pinturas de gran calidade de recunchos e espazos que permite reconstruir a parroquia antiga de Arra", tal e como asegurou a concelleira de Cultura, Paz Lago.

Trátase, por tanto, dun evento que "cada ano incrementa o número de participantes e a calidade das obras". En efecto, nesta sexta edición a organización incrementou o número de premios ao elevar a contía que, desta volta, rondará os 2.000 euros.

Así, a categoría de adultos, que engloba ás persoas maiores de 17 anos, contará, por primera vez, cun primeiro premio dotado de 800 euros, un segundo de 400 e un terceiro de 250 euros. Pola súa banda, a infantil, ata os 12 anos, concederá un primeiro premio de 100 euros e un segundo de 50 euros. Entre os rapaces de 13 e 16 anos, haberá un só premio de 150 euros.

A inscrición é gratuíta e para formalizala será preciso realizala a través do correo scarra.asociació[email protected]. Non obstante, tamén se poderá realizar o día da convocatoria de 9.00 a 11.00 horas na zona de acceso da praia de Montalvo. Ademais, as vintecinco primeiras inscricións recibirán un bono gratuíto para o Racing Dakart Sanxenxo ou para o Aquapark Sanxenxo.

Aínda que o estilo e a técnica das obras son libres, a temática deberá cinguirse á parroquia antiga de Arra e sobre os seus arredores coa fin de por en valor a riqueza paisaxística e cultural. Amais, os lenzos deberán estar asinados, acreditando a súa autoría, antes das 19.00 horas no Priorato de Arra.

En canto aos soportes, non hai límites nas dimensións, pero deberán ser a unha soa cor e sen texturas e, no caso das acuarelas, deberá usarse soporte ríxido.

O xurado estará formado por representantes municipais e da Asociación San Cayetano de Arra e anunciará a súa resolución ás 20.30 horas no día do certame.

Comentarios