Sanxenxo contará en breve con 40 novos axentes da Policía Local

Unha ferramenta dixital permite a creación de bases de datos, a identificación de obxectos, animais de compañía e dos vehículos
2020071213262586546
photo_camera Imaxe dun axente durante os labores de vixilancia nas rúas da localidade. ARQUIVO

O municipio de Sanxenxo contará este verán co maior número de auxiliares de Policía Local dos últimos anos. Corenta axentes, procedentes da Academia Galega de Seguridade Pública, incorporaranse nos próximos días ás labores de vixilancia e control; sete auxiliares xa o fixeron durante o mes de abril, coincidindo co estado de alarma. Este reforzo complétase con dous axentes e un oficial, que se incorporaron en comisión de servizo por un ano, prorrogable por outro máis.

O persoal da Policía Local está formada por 23 axentes, once deles están nestes momentos de baixa, polo que este reforzo axudará a garantir o cumprimento das normas.

O Goberno local prevé que se poidan incorporar nos próximos días os axentes procedentes da Academia Galega de Seguridade Pública, coincidindo coa tempada de maior afluencia turística e coa posta en marcha dos drones de vixilancia de praias e zonas de lecer nocturnas, que serán controlados por policías.

Con motivo da covid-19, o esforzo para facer cumprir as medidas de seguridade e distanciamento nas terrazas e o control de aforamento nos establecementos, así como o uso de máscaras, ten que ser aínda maior, sinala a Administración local.

Co obxectivo de modernizar os sistemas de xestión, o Concello dotou á Policía Local dunha ferramenta informática. Entre as súas aplicacións atópase a posibilidade de crear unha base de datos con informes, partes diarios e ateigados de tráfico, accidentes ou controis de drogas.

Tamén permitirá a identificación de animais de compañía e unha base de datos de obxectos perdidos, e un escáner permitirá identificar as matrículas e realizar auditorías dos vehículos.

Comentarios