Sanxenxo descarta a consulta sobre Emerxencias e prevé "reforzar" o servizo

O Pleno dobre do Concello acolleu unha sesión extraordinaria solicitada pola oposición
Votación durante o Pleno, na tarde deste luns. RAFA FARIÑA
photo_camera Votación durante o Pleno, na tarde deste luns. RAFA FARIÑA
Dous en un. A Corporación municipal de Sanxenxo abordou en dobre sesión plenaria consecutiva (Extraordinaria e Ordinaria) a posibilidade de facer unha consulta popular, a petición de BNG, Ciudadanos e PSOE, sobre a modificación da plantilla do servizo de Emerxencias (que pasará de 18 efectivos a 12), e o estudo de viabilidade para a futura concesión do ciclo da auga como cuestións destacadas. Cos votos en contra do PP, a abstención de SAL e os votos a favor de Cs, BNG e PSOE, non prosperaron as solicitudes de someter a consulta popular a modificación da plantilla, nin tampouco a segunda baza da oposición, que pasaba por realizar unha enquisa popular.

A negativa do PP, xa agardada, foi defendida polo propio alcalde, Telmo Martín, que garantiu a boa xestión do Goberno local e instou á oposición a abandonar o asunto.

A oposición de Cs e BNG, e especialmente a edil do PSOE, Ainhoa Fervenza, pediron explicacións ao Goberno local polas "últimas noticias que tenemos, sobre negociaciones para tener turnos de tres personas". Precisamente, o servizo de Emerxencias municipal contaba ata este momento con 18 efectivos en quendas de tres persoas. Segundo os membros da oposición, o Goberno local negocia volver a este sistema, pero non reinsertando aos postos orixinais aos seis traballadores derivados a áreas de prevención, senon mediante unha bolsa de emprego como "reforzo". A edil do BNG, Sandra Fernández, criticou que "se lle sumamos á plantilla de 12 efectivos os adicados a desbroce e a contratación auxiliar, sae máis caro". Por este motivo, Fervenza reforzou a súa tese de que "los motivos que llevan al Gobierno local a desmantelar el servicio no son económicos. El alcalde decidió que tenemos unos díscolos en el Concello y que hay que dar ejemplo. No es justificable decir que vamos a ahorrar 200.000 euros, un dinero que se va a ir en otras cosas, como el IVA del servicio de socorrismo".

O Pleno tamén desestimou a petición de instar á Xunta e á Deputación á modificación do convenio para "igualar" a financiación entre o servizo de Sanxenxo e o dos GES. A pesar de que esta vez a oposición ao completo votou a favor, Martín defendeu o voto contrario do PP, amparado nas conversas que está a manter o Concello para que o convenio que "remata este ano, acolla a máis membros deses 12. Isto vai provocar que Xunta e Deputación falen cos concellos para organizar mellor. O GES debe estar nese convenio e os concellos deben pagar máis. Non pode ser que Sanxenxo atenda a tres concellos sen recibir nada a cambio", salientou o alcalde.

Ciclo da auga. Apuntan casos de "corrupción" á empresa do estudo
O Pleno Ordinario aprobou a contratación do estudo de viabilidade previo ao futuro expediente de contratación do ciclo da auga cos únicos votos a favor do PP. A medida foi criticada pola oposición pola súa demora: "É lamentable que non se fixera isto antes do 31 de decembro de 2019", criticou a edil de Cs. Sen embargo, o máximo momento de tensión no Pleno chegou coa intervención da edil do BNG, Sandra Fernández, quen sinalou á empresa responsable do estudo de viabilidade pola súa presenza en "sumarios de casos activos investigados por corrupción. O propietario desta empresa é Juan Pablo López Heras, procesado no caso Lezo. Este estudo vén posto en cuestión xa en orixe. Non podemos obviar o percorrido desta empresa nin fiarnos de que defenda os intereses públicos".

A tenente de alcalde, María Deza, dixo descoñecer esta circunstancia. "Durante la tramitación del expediente, que además intervención considera que está bien hecho, no observé ningún prejuicio". Tamén o alcalde, Telmo Martín, pediu "rigor antes de falar dunha persoa que está procesada. A traballadora da empresa coa que falamos demostrou unha total profesionalidade" e asegurou que "encargareime eu de buscar información e ver con que concellos do PSOE están traballando".

Deza asegurou que "se lleva trabajando en esto durante más de un año" e explicou que contempla unha suba de tarifa de máximos, a obra a executar, os tres servizos do ciclo da auga e agarda que a obra prevista se realice en catro anos. Precisamente, a edil de Cs criticou a "previsión de subida do 19,7%", un sistema tarifario co que tamén mostrou o seu desacordo o edil de SaL, e sobre o que Deza destacou que se trata "de una subida media que tiene en cuenta las inversiones y el plazo de concesión".

Comentarios