Sanxenxo destina 558.400 euros a dotar de servizos as praias

A calidade e a renovación do material, así como a organización de actividades lúdicas, son tres claves que contarán na elección da firma adxudicataria
undefined
photo_camera Unha imaxe do areal de Baltar, en Portonovo. DAVID FREIRE

A calidade e a renovación do material serán dúas condicións claves na adxudicación dos quioscos, terrazas, tumbonas, hidropedais e sombrillas nos once areais de Sanxenxo: Areas, Silgar, Baltar, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Pragueira, Major, Foxos, A Lapa e A Lanzada.

Turismo de Sanxenxo acaba de sacar a licitación a explotación deste servizo, por 558.400 euros, un ano e tres prórrogas. Un prezo que supón unha rebaixa respecto das adxudicacións de veráns anteriores en praias como Silgar que sae a concurso por 55.000 euros fronte aos 77.000 polo que foi adxudicado en 2019.

Paxariñas pasa de 6.731 euros a 3.000 e o prezo é de 15.000 na praia de Montalvo, fronte aos 20.897 do verán de 2020.

Tamén se rebaixa o de Canelas, de 38.553 euros pola que foi adxudicada hai dous veráns a 30.000, ou a de Major, que pasa de 2.760 a 1.000.

Son os recursos materiais o aspecto que leva a maior puntuación nos criterios de adxudicación (40 sobre 60). Os ofertantes deberán achegar a documentación técnica no que se especifique o material a empregar e acreditar a data de compra do mesmo.

Por primeira vez, o prego inclúe na valoración das ofertas o uso de novas tecnoloxías en relación coa xestión do servizo e información dos usuarios. E entre as melloras recóllense actuacións de concienciación en hábitos de vida saudable e o compromiso co emprego local.

En canto ao funcionamento e apertura, establécese un período do 1 de maio ao 31 de outubro. En canto ao horario, será o proposto polo adxudicatario, sempre comprendido entre as 9.00 e as 22 .00 horas, cumprindo un mínimo de 11.00 a 20.00.

En Silgar, inclúense unhas especificacións con tres sectores con tumbonas e sombrillas diferenciados por gamas de cores. Entre cada conxunto haberá unha distancia mínima de tres metros.

Comentarios