Sanxenxo exporá subir as tarifas por consumo de auga e saneamento

O Concello argumenta que a medida é consecuencia da nova concesión do servizo e subliña que o desembolso que realizan os veciños é inferior ao doutros municipios próximos
Reportaxe COVID Sanxenxo
photo_camera A nova factura estará determinada polos niveis de consumo. GONZALO GARCÍA (ARQUIVO)

Transcorreron 25 anos desde que o Goberno local de Sanxenxo adxudicou a xestión do servizo de augas á empresa Espina y Delfín, e agora chega o momento de renovar a concesión, polo que levará a Pleno o estudo de viabilidade económico financeiro que marca os parámetros para licitar o servizo polo mesmo período.

A nova concesión permitirá modernizar a rede de subministración de auga e saneamento porque a empresa gañadora do concurso deberá asumir investimentos valorados en 11,6 millóns de euros, subliña a Administración local.

Para facer viable a xestión do servizo e os investimentos, o estudo contempla unha subida máxima do 19%, que poderá rebaixarse xa que a puntuación do concurso público valorará especialmente dous aspectos, a redución da tarifa e o incremento dos investimentos.

O documento propón a incorporación ao recibo trimestral dunha cota fixa polo mantemento do contador de 2,58 euros por un trimestre (0,86 cada mes). "Sanxenxo é o único concello da súa contorna que carece desta cota", apunta o Goberno local.

O histórico de consumo de auga das vivendas e actividades comerciais concéntrase en tres tramos: Ata 30 metros cúbicos por trimestre é o do 85% de vivendas e actividades comerciais. De 30 a 45, corresponde ao 10% de vivendas e ao 9% de actividades comerciais, mentres que máis de 45 é o que se realiza no 5% de vivendas e 6% de actividades comerciais.

O importe actual é de 26,25 euros, e subirá a 28,83, indica a Administración local, que apela á comparativa con outros concellos da súa contorna para poñer de relevo que os veciños realizan un desembolso notablemente inferior. Así, en Poio é de 43,98, os cambadeses abonan 39,63, e quen vive en Pontevedra debe realizar un desembolso de 31,92.

A subida desglósase na cota fixa do contador, as correspondentes á rede de sumidoiros e a depuración e por consumo de auga.

O incremento podería variar en función das ofertas
No apartado correspondente ás industrias asentadas, cuxo consumo é notablemente superior ao que realizan os veciños, o estudo elaborado polo Goberno local contempla dous tramos: o primeiro, de cero a 75 metros cúbicos, o recibo sobe 22,02 euros ao trimestre e pasa de 72,03 a 94,05. Tamén neste apartado recorre á comparativa para indicar que en Poio son 256 e 169,77 en Cambados, mentres que en Pontevedra é inferior (75,27).

Cando o consumo supera os 75, o recibo sobe 62,49, de 146,25 a 208,71, por baixo de Poio (294,45) e superior aos de Cambados (190,95) e Pontevedra (168,33).

As tarifas poderán ser reducidas nas ofertas que presenten as empresas, xa que será un dos criterios de puntuación do concurso público, recorda o Concello.

Comentarios