Sanxenxo, Meis, Vilagarcía e Meaño reclaman máis medios para a sanidade

Somos e BNG esixen que se cubran as vacantes dos profesionais sanitarios e recuperar a atención presencial en varios centros de saúde da comarca
Centro de salud de Baltar. RAFA FARIÑA
photo_camera Centro de saúde de Baltar. RAFA FARIÑA

Despois de que as corporacións municipais de Meis, Meaño e Vilagarcía aprobasen acordos instando á Xunta de Galicia que dote de medios aos centros de saúde dos seus concellos, dúas formacións políticas, persisten na actitude reivindicativa para alcanzar este obxectivo. Son os representantes do BNG e de Somos Sanxenxo.

Telmo Martín é o destinatario da reclamación que realiza Somos na que insta o rexedor a que siga o exemplo dos seus homólogos da comarca, "mire pola atención sanitaria dos veciños e veciñas e solicite ao Sergas e á Consellería de Sanidade unha aposta real por rebaixar a presión asistencial e dotar de persoal e recursos aos centros de saúde". 

O de Baltar conta con dous médicos en horario de mañá, ao atoparse os demais de baixa, e un terceiro consulta de forma descontinua. "Tal é a situación que, moitas veces, o facultativo que ten consultas de tarde entra dúas horas antes para axudar a desconxestionar as consultas da quenda dos compañeiros da mañá", argumenta esta formación política.

Somos denuncia que os profesionais ven desbordados, "atendendo doenzas de máis dunha semana de evolución e seguimentos doutras, porque as citas danse a moitos días vista ou incluso non hai", e agrega que a esta situación contribúe a presenza de veciños de Meaño desde que se xubilaron dous médicos do seu Centro de Saúde.

Ademais, a sala de raios está pechada porque a máquina está avariada, unha situación que obriga aos pacientes a desprazarse ao Hospital Provincial, "e algunhas das persoas levan días esperando a que as chamen por saturación", subliña Somos Sanxenxo.

Paralelamente, advirte de que centros sanitarios situados nos concellos máis próximos están nunha situación similar: O Grove conta cun médico, o de Dena está "desmantelado", o de Cambados atópase saturado e en Meaño e Ribadumia non dispoñen de pediatras, expón.

O BNG apelará á vía parlamentaria, por medio dunha proposición non de lei na que expón cinco demandas. Unha delas é a reposición "inmediata" da atención persoal naqueles centros de saúde "que se atopen en porcentaxes mínimos". 

Os nacionalistas tamén reclaman a reapertura das consultas de Paradela (Meis) e Vilaxoán (Vilagarcía), que foron pechados hai varios meses, unha medida que tivo como resposta varias mobilizacións veciñais.

Na relación de reivindicacións que enarbora tamén figura a recuperación da atención pediátrica en Meis e Meaño e que o primeiro dos centros de saúde volva contar coa presenza dunha matrona. En ambos, o BNG reclama ao Sergas que cubra as prazas de facultativos que quedaron vacantes por xubilación.

Denuncian que o aparello de raios de Baltar segue estropeado e os pacientes teñen que desprazarse ata Pontevedra

AUSENCIAS. Paralelamente, os nacionalistas instan á Xunta de Galicia a que adopte como pauta de obrigado cumprimento a esixencia de cubrir as ausencias que poidan rexistrarse por baixas, permisos e outros motivos.

"A Atención Primaria está baixo mínimos a pesares de que é a chave na asistencia sanitaria e de que neste ámbito asistencial se resolven a maior parte dos problemas de saúde da poboación", argumenta o BNG na súa proposta, ademais de puntualizar que esta medida repercutiría positivamente na loita contra a covid-19, ao propiciar a súa detección precoz.

Comentarios