Sanxenxo outorga preferencia ao tránsito dos peóns

As obras de sinalización e pintado que se realizan no Paseo de Silgar e en varias rúas situadas na súa contorna finalizan este mércores
20200714092247523
photo_camera Os círculos de cor branca no chan están pensados para reforzar a preferencia dos viandantes. CEDIDA

Promover a creación dun espazo de confluencia que resulte seguro tanto para os peóns e como para os condutores de vehículos, pero no que a prioridade sexa sempre do viandante, é o obxectivo que persegue o goberno local de Sanxenxo coa posta en marcha do plan de humanización que está a ser executando actualmente no Paseo de Silgar e en varias rúas situadas na súa contorna.

Se o ritmo dos traballos avanzase seguindo o programa previsto pola Administración local, está proxectado que esta intervención conclúa a última hora deste mércores.

Durante a xornada do luns, os operarios municipais comezaron co pintado dos círculos brancos, cuxa finalidade é reforzar o significado da preferencia peonil e a dinamización dun espazo no que se rexistra habitualmente un elevado tránsito de persoas, que se multiplica durante os meses de verán coa habitual chegada dos visitantes a esta localidade.

A velocidade quedará limitada a 20 quilómetros por hora en toda a vía. Para tratar de reducir o tránsito de vehículos, tamén serán instalados nos accesos ao municipio carteis luminosos onde estará indicado o estado de ocupación do aparcadoiro Nauta, situado no porto, dando a posibilidade ao condutor de que se non hai prazas poida optar por utilizar algún dos estacionamentos disuasorios que o Concello de Sanxenxo anuncia que serán habilitados na contorna, cuxo uso gratuíto.

Os traballos para dotar da nova sinalización o Paseo de Silgar entrarán esta noite na súa etapa final, co pintado da plataforma da rúa Luis Vidal Rocha e do tramo esquerdo da Praza de Portugal, onde se atopa o acceso ao porto, e o Paseo de Silgar.

O tráfico, tanto de entrada como de saída, será regulado tamén por semáforos e a actuación dos axentes da Policía Local. Os vehículos cuxos condutores queiran acceder á zona do porto deberán facelo desde Progreso, baixar por Viña da Fonte, Rúa dos Mariñeiros e Rúa Madrid e para saír farano polo tramo dereito da Rúa do Porto, Rúa Madrid e Cesteiros ou Rúa Constitución. Na noite de mañá ao mércores serán repintadas estas dúas zonas.

Comentarios