Sanxenxo pide trasladar a Quintáns unha mostra da excavación da Lanzada

A petición, que "ten boas trazas", xa foi formulada á Deputación ► O Concello prantexou unha exposición temporal dalgunhas das pezas arqueolóxicas que se atopan no Museo de Pontevedra
undefined
photo_camera A reforma do edificio principal do Pazo de Quintáns (Noalla), que se adicará a exposicións, e que acollería a mostra itinerante da Lanzada. GONZALO GARCÍA

Devolver parte das pezas atopadas durante a excavación arqueolóxica da Lanzada ao seu entorno orixinal durante uns anos é un dos usos que prantexa para o Pazo de Quintáns, ubicado en Noalla, a concelleira de Cultura de Sanxenxo, Paz Lago, despois da reforma do edificio, que conta cun grande espazo para albergar este tipo de mostras.

A petición de trasladar parte das pezas que pertencen a esta excavación a Quintáns de xeito temporal, e que actualmente se atopan no Museo de Pontevedra, xa foi formulada á Deputación de Pontevedra, tal e como avanzou a edil de Cultura de Sanxenxo a este medio.

Segundo explicou Lago, o Concello agarda agora a resposta da Deputación, cuxa presidenta, Carmela Silva, "comprometeuse a valorar a petición". Por parte da Concellería, Lago agarda "que a resposta sexa un si, xa que parece que ten boas trazas".

Deste xeito, a proposta do Concello de Sanxenxo é que algunhas das pezas que compoñen a colección arqueolóxica achada durante os traballos de excavación que está a levar a cabo a Deputación de Pontevedra no xacemento da Lanzada se agrupen como exposición itinerante, e viaxen ata o recentemente reformado Pazo de Quintáns para permanecer alí "durante un ou dous anos".

Segundo explica Lago, "todo está no Museo de Pontevedra e gustaríanos que houbera unha parte desa exposición que puidera ser itinerante, e que puideramos traer para aquí, para que a xente de Noalla poida telo preto un tempo". Para a edil, isto supón "unha iniciativa interesante a nivel cultural, e tamén de cara á veciñanza e o turismo", que podería gozar dunha mostra da excavación arqueolóxica moi preto do entorno no que foron atopadas as pezas.

De recibir a luz verde da Deputación, a mostra temporal ubicaríase no edificio principal do Pazo de Quintáns, un espazo totalmente reformado, e cuxas estancias foron abertas e comunican entre si, que se destinará nun futuro a acoller exposicións permanentes ou temporais.

O edificio conta con dúas prantas comunicadas por medio dunhas escaleiras e un ascensor, e gozan das condicións ideais para albergar este tipo de mostras, con materiais coma a pedra do país e a madeira de castiñeiro, así como unha parte lóbrega na pranta baixa, que conta tamén coa recepción e os aseos, e outra moi luminosa na de arriba, ambas destinadas á actividade cultural e patrimonial.

As mostras que cheguen nos vindeiros anos ao Pazo de Quintáns estarán relacionadas, sobre todo, "con temáticas que teñen que ver con Noalla e co Pazo, para que a xente do entorno o viva, pero tamén cabería case calquera cousa".

No caso da exposición arqueolóxica da Lanzada, a edil amosou a súa vontade de que a mostra que viaxe a Noalla sexa seleccionada "polos propios membros do Museo de Pontevedra". Neste sentido, "tela aquí serviría para achegar á veciñanza parte da nosa historia".

Comentarios