Sanxenxo reivindica a Emilia Pardo Bazán polos cen anos do seu pasamento

O auditorio ao que lle dá nome acollerá unha variada programación cultural a vindeira semana
Colocarase unha réplica da escultura da autora no exterior do Concello. DP
photo_camera Colocarase unha réplica da escultura da autora no exterior do Concello. DP

En Sanxenxo o centenario do falecemento da ilustre escritora Emilia Pardo Bazán, que se cumpre o 12 de maio, non pasará desapercibido. O municipio, ao que estivo "moi vencellada", rendiralle homenaxe baixo o lema Cen anos sen Emilia. A Concellería de Cultura, dirixida por Paz Lago, xa ten pechados os actos que axudarán a rememorar a pegada da escritora nos distintos eidos culturais nos que destacou a e que terán como localización o Pazo municipal que leva o seu nome.

A biblioteca do Pazo Emilia Pardo Bazán reservará dende o vindeiro 11 de maio e ata o 30 de xuño un espazo destacado para amosar a amplia bibliografía da escritora con exemplares de exposición dos distintos títulos e xéneros. Cultura ampliou con motivo do centenario o seu fondo bibliográfico para completar unha colección cunha edición dos exemplares moi coidada.

O equipo de animación sociocultural será o encargado de subir ao escenario do Pazo unha adaptación teatral de Lorito Real con dúas sesións, ás 17.30 e 18.30 horas, con entrada de balde ata completar aforo. Esta actuación servirá de preámbulo á charla coloquio que terá lugar na biblioteca El universo de Emilia...a través del cristal, ás 20.00 horas, coa ilustradora Bea Gregores e a mestra Ángeles Marcos. O mércores 12, Sanxenxo lembrará a escritora dándolle voz á súa obra coa lectura de fragmentos de Os Pazos de Ulloa no exterior do auditorio en dúas quendas, de 11.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas. Os interesados en participar deberán inscribirse no 986 727 936.

Nos descansos da lectura haberá intervencións musicais da Escola de Música Municipal e os alumnos do Centro de Arte culminarán durante esta xornada o pintado da réplica en escaiola da figura da autora que se atopa no exterior do Pazo, e na que levan traballando minuciosamente dende hai semanas, para instalala no exterior do edificio consistorial co obxectivo de dar a coñecer a vinculación da escritora con Sanxenxo xunto a un texto explicativo. A Asociación Cultural Soalleira de Dorrón aportará outra perspectiva da autora cun audiovisual que colgarán nas súas redes A pegada de Emilia Pardo Bazán no folclore galego e ás 20.30 horas o autor Marcelino Agís presentará o libro Emilia Pardo Bazán: La escritora en Miraflores. 

Comentarios