Sanxenxo repartirá 31.000 euros en premios polo proxecto do Mercado

O concurso de ideas que renovará o edificio contempla un inmoble con cinco plantas e dous sotos para estacionamento e está valorado en 4.512.329 euros
Praza de Abastos de Sanxenxo. DP
photo_camera Fachada exterior da actual Praza de abastos de Sanxenxo.

Revitalizar e converter nun referente de produto fresco e gastronomía o Mercado de Abastos de Sanxenxo é o obxectivo que persegue o Goberno local coa construción dun novo edificio para a praza que incluirá un aparcadoiro e un centro multiusos. O Concello de Sanxenxo, en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia, acaba de convocar un concurso de ideas dotado con 31.000 euros e do que sairá o deseño gañador das futuras instalacións.

O primeiro premio estará dotado con 20.000 euros, o segundo, con 6.000 euros e o terceiro, con 3.000 euros. Ademais, entregaranse ata catro accésits de 500 euros cada un. A proposta gañadora podería, se así o considera o Concello de Sanxenxo, ser a adxudicataria da redacción e dirección do proxecto nun procedemento de contratación posterior valorado en 244.420 euros (Iva incluído). O prazo de presentación de ofertas conclúe o próximo 17 de agosto.

O proxecto contempla a construción dun edificio con cinco plantas e dous sotos. Recolle tamén o acondicionamento da contorna e rúas adxacentes para o que se prevé un orzamento de 4.512.329 euros. O mercado situarase na planta baixa de 550m2 con catorce postos fixos para carnes, charcutería e embutidos; pollerías; ultramarinos; encurtidos, salgaduras e conservas; conxelados; lácteos e ovos; panaderías; e local de reparación de calzado e duplicado de chaves.

Contémplanse 25 bancadas para peixes e mariscos; froitas, hortalizas, verduras e produtos de tempada. Inclúese tamén nunha zona anexa un espazo gourmet, que poida dar servizo á vez ao propio mercado e ao resto de equipamentos do edificio.

O inmoble estará dotado dun aparcadoiro de uso de mercancías do propio mercado, e un aparcadoiro de uso público, que poida ocupar incluso as rúas circundantes, en ata dous sotos. Tamén se deberá dar un tratamento adecuado á ruela de acceso ao edificio pola rúa Progreso e sinalizar o edificio desde este viario.

Comentarios