Cinco séculos tras os muros de Quintáns

Centos de anos de historia ven por fin a luz na que é unha das maiores xoiais patrimoniais de Sanxenxo
undefined
photo_camera A fachada do Pazo, cuxa entrada actual abriuse grazas ás obras para mellorar o acceso. GONZALO GARCÍA

A pedra e a madeira de castiñeiro zumegan séculos de historia. Tres vigas de 400 anos cada unha aínda penduran do teito na súa ubicación orixinal. "Foron as que puidemos salvar durante a reforma", explica a concelleira de Cultura e Educación de Sanxenxo, Paz Lago. Un luxo de anfitrioa para recibir a todos e cada un dos grupos de vistantes que, cada martes e xoves, en dúas quendas, traspasan as portas do Pazo de Quintáns, noutra hora pechado aos ollos curiosos.

Viviu tempos escuros, de decadencia. Cando o Concello de Sanxenxo o mercou no ano 2006, lembra Lago, "había que ir con moita cautela ao acceder ao interior, xa que as madeiras estaban podres". En 2017 catalogouse como Ben de Interese Cultural e entre 2018 e 2019 comezou a primeira fase da obra de recuperación, por un valor de 1,8 millóns de euros a través dunha subvención. En todo ese tempo, as portas permaneceron sempre pechadas, aínda que a veciñanza da contorna coñecía algún que outro dos seus segredos. Tamén os veraneantes que cada ano se instalaban na parroquia foron testemuñas dos cambios que atravesou a emblemática edificación nos últimos anos. Primeiro o declive, e logo o hermetismo das obras. Ata que este mesmo mes acolleunos entre os seus muros. A sorpresa, asegura a edil de Cultura, "é sempre moi satisfactoria. A maioría dos veciños de Noalla están vencellados ao Pazo, son como libros abertos. Algúns contan anécdotas, como que a última señora ensinoulles a ler a moitos deles. Son os que máis se dan conta do que supuxo a recuperación, porque poden comparar", di.

11_00h_ Sanxenxo_ Visita coa concelleira Paz Lago ao pazo de Quintans_ Iremos nos e o grupo de visita programado para hoxe

A visita ao enclave, no que se palpa o peso de arredor de cinco séculos de historia, comeza na antiga cocheira, un espazo diáfano que nun futuro albergará un bar que dará servizo aos eventos culturais ou gastronómicos que se desenvolvan no Pazo, e unha zona para venda de merchandising. Nada que ver coa antiga casa dos criados e a cabaleiriza. O patio interior abraia aos visitantes coa presenza dunha impoñente árbore sobre a que non hai consenso. A discusión está entre teixo e abeto branco, pero do que non cabe dúbida e dos seus entre 300 e máis de 200 anos de existencia. Despois de ser alcanzado por un raio nalgún momento da súa historia, o exemplar atópase, segundo os técnicos, en declive. "Pero é un declive lento, vai durar moitos anos, máis que nós mesmos", apunta Lago.

A primeira mesa do Salón de Plenos do Concello, unha árbore de 300 anos, unha pía orixinal, vigas de castiñeiro centenarias ou unha talla medieval son algúns dos tesouros que alberga o reformado Pazó de Quintáns

O edificio principal, que antigamente albergaba unha bodega e a oficina dun notario na pranta baixa, e unha vivenda na superior, brilla agora en todo o seu esplendor. A pedra e as vigas de castiñeiro que imitan ás orixinais evocan a futura presenza de obras de arte penduradas das paredes. Esa é, precisamente, a intención do Concello de Sanxenxo para esta parte do Pazo, que tamén acollerá o mostrador de recepción e uns aseos. Nas paredes aínda baleiras, en cada esquina e incluso no chan, os visitantes van descubrindo xa pequenas xoias. Chama a atención unha mesa robusta de madeira que preside unha das estancias, e que non é outra que a primeira mesa do Salón de Plenos do Concello de Sanxenxo, que foi trasladada ao Pazo despois da súa restauración. Na mesma pranta baixa, unha pía que servía para alimentar aos animais aínda se conserva tras un cristal, e tamén o oco orixinal da biblioteca. Na de arriba todo e luz, e unhas vistas que, xa de por si, deixan entrever que "os terreos do Pazo ocupaban antigamente moita máis extensión". Parte deles chegáronse a vender á xente da contorna, polo que "agora moitos pertencen a familias que traballaron no Pazo", explica a Concelleira. Nos grandes salóns, varios ocos na pedra lembran os estantes que antigamente albergaban a louza na que comían os señores. Tamén se conservan outras pequenas obras, moito máis recentes, coma a reforma da cociña, con azulexo de hai 50 anos.

11_00h_ Sanxenxo_ Visita coa concelleira Paz Lago ao pazo de Quintans_ Iremos nos e o grupo de visita programado para hoxe

O exterior do inmoble fala por si só. O escudo da familia Paadín, a capela que a veciñanza enche de flores a cotío, coa talla medieval da Quinta Angustia, que "antigamente tivo que ter cor", e o oco onde se ubicaba a figura de San Pedro, o santo do antigo dono do Pazo, son só algúns dos elementos que preceden a un xardín traseiro que conserva a súa fonte e un enorme hórreo sen pés, de 120 anos de existencia, e que tamén se está a acondicionar.

A recuperación do edificio devolveu á veciñanza de Noalla parte dunha historia que agora lles é máis clara que nunca. Pero o Pazo non só é pedra e madeira, senón tamén evocación. "Todo isto que ves era do Pazo", escóitase falar.

Non, o Pazo "non será un bar": Vodas, exposicións, e gastronomía en espazos diferenciados
Cando o Pazo de Quintáns abriu as súas portas a veciños e visitantes xurdiu unha incógnita: Que pasa agora? A pesar de que o Concello avanzase nun primeiro momento que o espazo estará destinado á actividade gastronómica, será moito máis ca iso. Tal e como explicou a concelleira de Cultura, Paz Lago, a este medio, coa segunda fase da obra, na que os técnicos xa están a traballar en varias propostas, porase en valor o xardín, que tamén incluirá "unha carpa ou espazo para albergar eventos nunha zona limitada", ademais do piorno e dotar ao lugar de mobiliario e contido para dar información cultural.

Precisamente, unha das ideas da Concellería é que, entre os potenciais eventos que poida acoller esta carpa, estean as vodas. "En Noalla temos poboación que casa e recorre aos pazos para a celebración. En Sanxenxo non temos nada disto á parte do Revel. Non hai pazos que sexan propiedade do Concello deste estilo e este ten o encanto suficiente para poder albergar uha voda, que dalgún xeito tamén axudaría a autosufragar os custes de manter vivo todo isto", explica.

En canto á zona gastronómica, aclara, non, "non é un bar. A cafetería será un servizo que acompañe a actividade que aquí se faga e pretendemos que ese espazo tamén o poida usar algunha conserveira que veña aquí, un viño bo ou unha fábrica de queixos para degustacións, por exemplo".

En canto ao edificio principal, a súa distribución é totalmente axeitada para albergar todo tipo de eventos culturais como "exposicións, charlas ou contidos que teñan que ver coa cultura e o patrimonio". Neste sentido, na planta superior "hai unha luz fermosa que se presta a esta clase de actividades".

En canto a prazos para estas cuestións, se ben aínda non están definidos, Lago asegura que non se deixou de traballar e que proximamente "poderíase ir facendo a fase da cafetería. Os técnicos van presentar as primeiras propostas sobre a zona axardinada, e continuamos traballando neste espazo para darlle vida e buscar a contía para levalo a cabo", afirma.

Comentarios