As obras da segunda fase da Vía Verde do Salnés, en marzo

Os traballos céntranse nun tramo do trazado do tren entre Vilagarcía de Arousa e a estación de Portas

GON (( AGN )) PORTAS (Pontevedra) 10,00 h.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asinará cos concellos de Portas, Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis o convenio de colaboración para a segunda fase da Vía Verde do Salnés. O punto de encontro será nas inmediacións da vía férrea (lugar do Souto, Barreiro. Coordenadas: 42.593006, -8.664798
photo_camera Sinatura do convenio de colaboración das obras da Vía Verde do Salnés. GONZALO GARCÍA

As obras da segunda fase do proxecto de Vía Verde do Salnés comezarán a mediados do próximo mes de marzo, tras formalizarse a firma do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e os concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas. 

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e os rexedores locais, subscribiron este venres o acordo, polo cal o Goberno galego dispón case 200.000 euros para a execución destes traballos. Esa segunda fase contempla o acondicionamento dun tramo do antigo trazado de ferrocarril Pontevedra-Carril-Santiago de Compostela para o seu uso como vía verde. 

Prevese iniciar os traballos pola rehabilitación da ponte de ferro sobre o río Umia en Portas

Segundo informou a Xunta, nesta fase intervirase nun tramo do trazado do tren entre Vilagarcía de Arousa e a estación de Portas, que quedou en desuso coa posta en funcionamento do eixo atlántico de alta velocidade. O tramo ten unha lonxitude de 9.195 metros que discorren a través dos municipios de Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas. 

Tal e como explicou a conselleira, procederase á sinalización para a identificación do percorrido, así como a prohibitiva e normativa. Tamén se instalarán equipamentos complementarios coa colocación de seis mesas de picnic, sete bancos de madeira e quince aparcabicis de catro prazas, para que os veciños e turistas poidan gozar desta zona. 

Ademais, prevese o acondicionamento de pontes e outras estruturas, polo que se retirarán as vías, proteccións e demais estrutura auxiliar e procederase a unha limpeza da estrutura. Colocarase unha tarima de madeira duns seis centímetros, así como novas proteccións laterais.

As previsións son iniciar os traballos pola rehabilitación da ponte de ferro sobre o río Umia ao seu paso por Portas.

Comentarios