A segunda vida dos traxes brancos dos voluntarios do Prestige

Veciños do Grove donan ao servizo municipal de emerxencias máis de 200 que gardaban en casa, ademais de patucos e gafas
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Un grupo de voluntarios limpando chapapote do Prestige en 2003. ARQUIVO

A onda de solidariedade que estes días percorre o país de punta a punta ante os estragos que está a causar a pandemia do coronavirus é un reflexo da que hai dezaoito anos se desatou tras a catástrofe do Prestige.

Proc/JFIF/EFE-Calidad:ExcelenteO afundimento do petroleiro en novembro de 2002 encheu as costas galegas --tamén de Francia e Portugal-- de chapapote que unha marea de voluntarios, ataviados cuns traxes brancos que contrastaban co negro do fuel, afanouse en contribuír a retirar como boamente soubo ou puido.

E como queira que quen garda sempre ten, como reza o devandito popular, veciños do Grove curtidos na batalla do Prestige souberon darlle unha segunda vida a todo aquel material de protección. Estes días doaron ao servizo municipal de urxencias máis de 200 traxes brancos, patucos e lentes que almacenaban nas súas casas.

O coordinador do servizo municipal de urxencias do Grove, José Antonio Álvarez, explica que fixo un chamamento á doazón deste material para que o persoal sanitario poida facer uso do mesmo. Fíxoo consciente de que o equipamento do que dispoñen non sería suficiente se se chegase a producir un repunte de contagios por Covid-19 no municipio, no que xa se confirmaron catro casos, tres homes e unha muller, todos eles maiores de 70 anos.

O recollido distribuirase entre o persoal do 061 en contacto cos posibles infectados

"Todo o material que se poida doar é ben recibido", sinala Álvarez, que admite que farían falta máis traxes para poder "capear o temporal". O recollido distribuirase de forma fraccionada co persoal do 061 que está en contacto cos posibles infectados. “Oxalá que non nos fagan falta e se poidan doar aos hospitais ou a quen o necesite", di.

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, agradece a doazón dos veciños e o traballo que están a realizar costureras e voluntarios para seguir confeccionando máscaras e atendendo as necesidades dos veciños con maior risco de contaxio. 

Comentarios