Os socorristas realizaron 14 rescates acuáticos nas praias de Sanxenxo

Seis foron os areais que concentraron estas incidencias correspondentes ao mes de xullo
2020081512193383665
photo_camera O verán está a desenvolverse sen incidencias de gravidade nos areais de Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Seis areais concentraron os 14 rescates acuáticos que levaron a cabo ao longo do pasado mes de xullo os socorristas contratados polo Concello de Sanxenxo para gardar a seguridade dos bañistas. Trátase das praias de Baltar, Foxos, Pragueira, Area de Agra, Canelas e Panadeira. Case todas estas intervencións tiveron como elemento común a presenza de inchables e elementos acuáticos como táboas de paddle surf ou kaiaks, que debido ás correntes mariñas e a dificultade de volver a terra obrigaron a actuar ao servizo de socorrismo do municipio.

Nalgúns casos estes rescates foron posible por terra e noutros a través das dúas embarcacións que durante o verán patrullan a costa do municipio. A flota do servizo de salvamento conta este ano cunha lancha máis que permite dividir o control en dous tramos. Unha encárgase da vixilancia desde Area de Agra ata Paxariñas e a outra desde Montalvo ata A Lanzada.

A rápida actuación en cada un dos casos e a profesionalidade do servizo permitiron que non houbese que lamentar vítimas e que finalmente todo quedase nun susto. Sanxenxo revalida así a distinción temática de Salvamento e Socorrismo outorgada este ano pola ADEAC e coa que tan só contan tres municipios españois máis.

Tamén aparecen na listaxe de incidencias do servizo de Socorrismo 3 intervencións por golpes de calor e 4 por lesións ou golpes de distinto tipo. As feridas e cortes obrigaron a actuar ata en 497 ocasións aos sanitarios presentes nos dezasete areais do municipio durante o mes de xullo.

As picaduras de fanecas centraron tamén boa parte das intervencións dos socorristas cun total de 694. O areal que rexistrou un maior número foi Montalvo (134), seguida de Canelas (93), Silgar (91), Areas (59), Bascuas (52), A Lanzada (51) e Foxos (45).

Portonovo: Postas en marcha catro illas de colectores
Catro das seis illas de colectores semisoterrados previstas en Portonovo entraron venres en funcionamento na Perla, o recinto portuario, o parque do Espiñeiro e nas proximidades do cemiterio de Adina. Os edís de Promoción Económica, Marcos Guisasola, e de Facenda, Paula Martínez, supervisaron a apertura. á posta en marcha destas novas áreas de depósito de residuos, que inclúen colectores de orgánico, cartón, vidro e envases, sumaranse outras dúas, unha en Rafael Picou e outra na estrada da Lanzada. O investimento previsto nas seis illas é de 61.710 euros.

Comentarios