Telmo Martín: "Obsesióname o reto de lograr que calquera teña un emprego digno"

Mentres que en boa parte do Salnés o Partido Popular sufría duras derrotas, na vila turística por excelencia o seu candidato repetía o éxito dos seus dous primeiros asaltos á Alcaldía

Telmo Martín en el Concello de Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Telmo Martín en el Concello de Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Tendo en conta as circunstancias, esta última maioría resultou máis difícil de acadar que as que obtidas en 1999 e 2003?
Eu sempre lle din mérito a todas, pero é certo que esta última ocasión foi máis especial. Hai que ter en conta que, dos oito partidos que nos presentamos, catro pescabamos no mesmo caladoiro, por así dicilo. Ten un mérito importante.

Tendo en conta ese factor, con tantas agrupacións de centrodereita, chegou a temer que se repetise o que sucedeu en 2015, cando quedaron na oposición con oito concelleiros?
Eu nos mítines e nos encontros que mantivemos cos veciños durante a campaña electoral dicía que iamos gañar as eleccións, pero iso é unha cousa, outra lograr unha maioría absoluta e outra facelo cunha maioría tan abrumadora. Que iamos ser a forza máis votada tíñao bastante claro, pero que fose suficiente para gobernar en solitario... Iso si me xeraba algo máis dúbidas. Penso que unha das chaves foi que non chegou a identificarse a ningunha outra candidatura como una alternativa forte.

Algo de preocupación si que tiña, entón.
Estou máis preocupado agora que durante a campaña, porque temos moito traballo por diante. As eleccións foron hai unha semana. Temos que ter os pés na terra, ser máis humildes ca nunca e ter moi claro que, se se traballa duro chegan os resultados e iso a xente prémiao.

Unha cousa é gañar as eleccións, outra é acadar a maioría absoluta e outra distinta facelo de xeito tan abrumador

Cre que nos resultados do 26M puido influír dalgún xeito que hai catro anos se formase un cuatripartito? Cun goberno máis estable durante todo o mandato podería ter sido outra historia?
Nós estivemos dous anos na oposición e despois tocounos gobernar desde 2017 con SAL. A xente puido comprobar e comparar ambas fases. Está claro que foron completamentes diferentes. Traballamos arreo e os veciños tivérono en conta.

Desde fóra deu a sensación de que esta campaña electoral foi máis tranquila que outras anteriores.
Antes de empezar a campaña chamei a todos os candidatos para reunirnos e falar de que tiñamos que respectarnos entre nós. É certo que ao Partido Popular correspondíalle moito máis espazo publicitario, pero sempre dixemos que non iamos queixarnos se alguén puña algún cartel de máis. Creo que iso axudou a que fose un proceso limpo. Ten que ser así, porque os veciños están cansos de liortas e confrontacións, o que queren é resultados.

Quizais houbo unha excepción, que foron os debates entre os candidatos.
Houbo un particularmente que resultou un pouco brusco. Non estou demasiado satisfeito de ter participado.

Precisamente, a maior tensión tívoa con Catalina González. Que lle parece que Xuntos por Sanxenxo non estea na Corporación?
Era moi difícil de acadar, porque para poder sacar un concelleiro tes que ter máis de 600 votos, que son moitos. Xuntos por Sanxenxo apenas chegou á metade. Quen lidera ese partido terá que reflexionar.

Para obter unha acta de concelleiro hai que superar os 600 votos, algún partido quedou á metade e deberá reflexionar

O día seguinte ás eleccións afirmou que a campaña do Partido Popular foi de 9,5. Que nota lle pon ao bipartito?
Un dez, non podo poñerlle menos. A maioría absoluta así o demostra. A xente respaldounos. O bipartito naceu co obxectivo de funcionar en favor dos veciños de Sanxenxo e iso quedou claro. É unha matrícula de honra.

Sería unha matrícula para o PP, porque o SAL perdeu dous concelleiros e só queda con Gonzalo Pita na Corporación...
Pero é que eu non creo que o baixón que experimentou SAL fose provocado por ceder a Alcaldía. Non hai que esquecer que sufriron unha división interna e iso pasoulles fatura. Se se suman os votos de SAL cos de Ciudadanos acadarían tres concelleiros sen ningún problema. As divisións a nivel interno nunca son boas.

Haberá un xesto hacia SAL, tendo en conta o ben que funcionou o Goberno local?
Eu sempre dixen que son partidario de que, aínda que se acade a maioría, a xente que quere traballar por Sanxenxo pode contar con nós. Pero hai que ver cal pode ser ese espazo.

Ao traballo do bipartito póñolle unha matrícula de honra, porque funcionou moi ben en favor dos veciños

En Sanxenxo o éxito electoral é indiscutible, pero na comarca do Salnés foi apenas unha excepción. Isto podería provocar que a Mancomunidade pase a estar dirixida polo PSOE. Preocúpalle esta posibilidade?
Todo o que afecte a Sanxenxo preocúpame. A Mancomunidade achéganos moito, especialmente en materia de turismo. Confío en que as cousas vaian polo bo camino e, goberne quen goberne, non cambie esa situación.

Agora empeza un novo mandato, no que aínda hai que sacar cara adiante proxectos que figuraban no pacto firmado en 2017.
Non é certo. A día de hoxe xa hai actuacións feitas ou que están en marcha. O único que queda pendente é o novo campo de festas de Bordóns.

Tampouco comezou a rexeneración da praia da Carabuxeira. Confía en que os traballos poidan iniciarse antes de que finalice o verán?
Iso é algo que non depende de nós. Teremos unha reunión en breve con Costas do Estado para falar dese tema. Gustaríame moito que a area fose despositada antes do verán, pero xa estamos en xuño e, francamente, véxoo difícil. Ao non poder trasladala por barco levará moito tempo facer os traballos, polo que temos que analizar se compensa estar dous meses cos camións aí… Isto tería que terse feito en marzo ou abril, pero non sucedeu así por cuestións alleas ao Concello e a Nauta Sanxenxo.

Antes falabamos do transcurso da campaña electoral. Esta resultou un tanto estrana, porque faltaron os grandes proxectos aos que tiña afeitos Telmo Martín ao electorado. A que se debeu ese perfil baixo?
A velocidade de cruceiro que temos actualmente levounos un ano a collela e agora non debería de cortarse. Temos retos por diante moi apaixoantes, como planificar a posta a punto de servizos básicos. Nestes primeiros dous anos do mandato queremos cumprir coa obriga da Administración local de que todos os veciños teñan saneamento, abastecemento, pistas en condicións, alumeado como Deus manda ou recollida do lixo independentemente do lugar no que vivan. Os núcleos, por suposto, serán unha prioridade. A maiores, temos que crear emprego. A xente nova ten que conseguir postos de traballo a man. Para lograr iso, temos a vía turística, onde debemos consolidar o alargamento da tempada máis alá do verán a través da organización eventos, e a do polígono. Xa hai 30 empresas que están preparándose para instalarse en Nantes e confío en poucas semanas xa empecen a circular ofertas de emprego.

Nos dous primeiros anos de mandato centrarémonos en lograr que todo o mundo dispoña de servizos básicos

Vostede tamén falou hai uns días da cuestión da vivenda. Ínsula Sanxenxo, que naceu con ese propósito, pódese recuperar para a causa?
Absolutamente. Ínsula vai ter moitísima actividade. Acabamos de encomendarlle a revisión de todo o patrimonio do Concello para incluílo no Rexistro da Propiedade. Ademais, temos que ofertar vivendas en venda ou en aluguer. Poden ser construídas a través da propia Ínsula, en chans propios, ou a través de permutas. Os mozos e mozas desta vila merecen ter estas opción.

Xa que fala de vivendas, veremos actividade durante este mandato nos Solos Urbanizables?
Si, pero ese é un proceso longo. Hai máis de un SU que está paralizado porque están adaptándose á suspensión de licenzas que fixemos en 2017. Debemos aprobar a modificación puntual necesaria do PXOM. Sanxenxo está nunha posición moi boa para aproveitar oportunidades como a chegada do AVE, que será en 2020 ou 2021. Cando esteamos a tres horas de Madrid temos que ter a capacidade de ofrecer vivendas e, deste xeito, tratar de chegar aos 20.000 habitantes. Así teriamos máis ingresos do Estado para o turismo. Viríanos moi ben.

Parece que a nivel económico o Concello goza de boa saúde. Que se aprendeu da crise?
Tanto os veciños coma as empresas e autónomso aprenderon da recesión. A Administración local non pode ser menos. Nós baixamos algunhas taxas durante o mandato pasado, como foi o caso do IBI, e queremos seguir nesa liña, pero non podemos permitir que iso sirva para limitar ingresos. A cuestión do censo é clave polo que lle comentaba antes.

Neste mandato ten varios retos por diante. Hai algún que consiera un marrón?
A pataca quente que me preocupa un pouco é o tema da expropiacións da parcela das Cunchas. Non puiden adicarlle todo o tempo suficiente para ver que podemos facer nesa zona para que o Concello obteña beneficios. Penso que hai fórmulas viables, pero témolo analizar con calma. É unha cuestión que ten que ser estudada en profundidade. De momento, é unha zona verde. Quero rentabilizar o que haxa que pagar pola expropiación sen cobrarlle un euro aos veciños. É difícil, pero intetarémolo.

Tal e como se está desenvolvendo este proceso xudicial, non lle quita o sono?
Non. Máis preocupante me parece a remodelación do espazo portuario de Portonovo, porque é unha obra moi complexa que deberá executarse en dous mandatos. Falamos dun proxecto a longo prazo, non podemos trabucarnos dando os pasos, porque se pasa iso igual temos que voltar á casilla de saída. Hai que ir lento, pero seguro.

A expropiación da finca das Cunchas é unha 'pataca quente'; quero rentabilizala ao máximo na medida do posible

Que sucedería en caso dunha sentenza en contra?
Eu sei o que vai pasar. Son optimista. Nunca se van pagar máis de cinco millóns de euros, aparte dos intereses, que habería que negocialos.

E o futuro? Vai sumar 13 anos de alcalde en diferentes etapas. Este é o seu última mandato?
Eu considéronme un chaval de 35 anos (gargallada).

Hai Telmo para rato, entón.
Nunca se sabe o que acontecerá no futuro, pero sempre dixen que non me gusta que se estea máis de dous mandatos completos consecutivos no mesmo posto; non só de alcalde, senón en calquera cargo público.

Entón tería que deixar paso...
Pero é que iso non funciona así. Eu non son un patriarca que decida nada. Faino o partido.

E unha aventura fóra de Sanxenxo?
Xa non penso niso. Estou moi orgulloso do equipo de traballo que teño aquí, con xente nova á que lle encanta a política. Iso é positivo, porque reforza a democracia.

Este éxito compensa a decepción en Pontevedra en 2007?
Eu estou orgulloso do que fixen en Pontevedra, pero non é cuestión de comparar. Tamén valoro este premio que me deron os veciños e non os vou defraudar. A arte da política é convencer ás persoas e quero facelo de que temos un bo proxecto, por encima de toda ideoloxía, que é Sanxenxo. Estou obsesionado con que aquí todo o mundo poida ter un posto de traballo digno.

Comentarios