Telmo Martín: "Temos proxectos de moitos millóns nos vindeiros anos"

Tres anos e medio á fronte dun concello para o que quere deixar "o legado dunha marca de prestixio"
O alcalde, Telmo Martín, fronte ao Consistorio esta semana. GONZALO GARCÍA
photo_camera O alcalde, Telmo Martín, fronte ao Consistorio esta semana. GONZALO GARCÍA

Co seu eterno sorriso de confianza na boa xestión "do futuro de Sanxenxo", o alcalde, Telmo Martín, vén de culminar o clube de Piragüismo, o Priorato de Arra, a Casa de Don Fernando, a rúa Progreso ou o skate park, e colle folgos para inaugurar en setembro a zona do Revel, e impulsar outros moitos proxectos nos que "en materia medioambiental, Sanxenxo será chave" nun porvir para o que garda moita esperanza. "A pandemia fíxonos improvisar, pero o mundo non acaba aquí", di.

Comezamos o ano coa polémica dos impostos ás segundas residencias, que tamén se aplicarán noutros concellos...

Con isto perseguimos que haxa máis xente que se empadroe aquí e, se soamente se empadroase unha persoa en 2.500 vivendas, que é o 25% das segundas residencias que temos, chegariamos aos 20.000 habitantes. Así, en vez de aplicar a subida que permite a lei, aplicamos menos. Non é con afán recaudatorio, agora temos o 0,4, que é o mínimo legal, e moita xente que ten aquí as segundas residencias xa paga o 0,6 onde están empadroados. En verán temos que dar moitos servizos e non temos axudas doutros sitios. Se se empadroa aquí moita xente non teriamos nin que aplicalo. Son partidario de que todo o mundo pague impostos, pero o menos posible, e tratando de non prexudicar á xente que vive aquí.

Este será un ano de moito impulso para a zona de Vilalonga, coa inauguración do colexio do Revel, o avance da urbanización...

Facer o novo colexio no Revel non so vai cumprir cos nenos, senón que toda a área servirá para o esparexemento da xente de Vilalonga, que non tiña moito sitio. Estes días estamos a punto de adxudicar a urbanización, que estará lista para setembro, cando se inauguren as clases, e é unha zona moi soleada, cun regato que hai que recuperar. Ademais, a reforma da Praza Pública tamén terá unha continuidade cara a zona do colexio. Urbanisticamente, hai que impulsar Vilalonga para que teña máis servizos e abran máis negocios. Queremos que deixe de ser un lugar de paso, e hai que conseguir o enlace da autovía do Salnés ata Vilalonga a través do parque empresarial.

Que expectativas hai para o parque empresarial de Nantes?

Aínda que é verdade que este tema vai un pouco máis lento do previsto pola pandemia, vai haber un antes e un despois con estas conexións en Vilalonga e co parque no entorno. Están chamando máis empresas para pedir licenza despois de concederlla a Mercadona. Unhas tiran das outras, e tamén hai moitos pequenos e grandes empresarios da comarca e de Sanxenxo que están agardando as axudas europeas para cambiar os seus negocios alí, ou crear unha nova. O parque está moi ben conectado para ir a calquera punto de Europa sen saír da autoestrada, temos os portos de Marín e Vilagarcía a media hora, os dous aeroportos, e suporá un grande desenvolvemento para que Sanxenxo non dependa sempre do turismo.

Novo estudo para o porto: "Agardamos que o concurso de Portonovo poida saír á luz no primeiro trimestre deste ano de cara á reordenación"

Portonovo será outra das zonas que se verán renovadas coa actuación no entorno do colexio e do Mercado. Prevese tamén algún avance coa reordenación do porto?

Estamos pendentes de facer un convenio con Portos de Galicia, porque quere que se volva facer un estudo con enxeñeiros pola sensibilidade que ten a zona pesqueira. Seguramente asinaremos un convenio entre Colexio de Enxeñeiros, Colexio de Arquitectos, Portos e Concello. É o que quere Portos e no que estamos traballando, e agardamos que ese concurso poida saír á luz no primeiro trimestre deste ano. É unha actuación que pode levar unha lexislatura. Aínda así, puxéronse ben os cimentos por parte do Concello. Logo da firma haberá que facer un novo Plan de Usos, un Plan especial de Portonovo e recuperar toda esa fachada marítima. É importantísimo, e vai cambiar a vida de Portonovo.

Que grandes investimentos contempla para o futuro? Teremos pronto a nova Praza de Abastos?

A Praza de Abastos terá un investimento de cinco millóns de euros e iso non se pode facer nun só ano, pero temos agora entre mans proxectos de moitos millóns nos vindeiros anos coma o ciclo da auga, que vai significar un investimento por riba dos 30 millóns de euros para Sanxenxo, e agardamos ter en marcha a nova concesión para o verán. Tamén acabamos de aprobar un convenio con Poio, que supón un investimento de máis de 20 millóns de euros, coa nova depuradora e bombeos. É un tema moi importante que recuperamos dunha vez por todas. Dentro do ciclo da auga, queremos que todas as casas se poidan conectar ao saneamento e ao abastecemento.

Mantén a promesa do alcantarillado para todas as casas do rural antes de rematar o mandato?

Si, pero é verdade que igual cun pouco de retraso. Queriamos telo adxudicalo antes de finais de 2020, pero este ano está case perdido pola pandemia. Na grande maioría si que estará. O importante vai ser ter iniciado o proceso.

Prevese unha pronta solución á mala cobertura de internet no municipio?

Calquera empresa pode poñer fibra óptica, non é coma unha concesionaria, e precísase que un núcleo a demande. É incrible que, por exemplo, Silgar non teña fibra óptica, pero non podemos obrigar ás compañías, porque depende delas. É un tema delicado, pero estamos facendo forza con dúas delas e tivemos reunións. Eu non estou contento para nada co internet que temos en Sanxenxo, e máis agora co teletraballo. Intentamos axilizar permisos cando precisan soterrar cableado, isto non depende só de nós, pero sei que temos que saír disto canto antes.

"No verán os locais teñen que poder abrir con normalidade" 

"Salvar o verán" foi unha das fazañas deste ano e, neses meses, Sanxenxo logrou resistir con moi poucos casos. Parece que as polémicas estacas valeron para algo...

Conseguimos mandar unha mensaxe ao mundo, aínda que o faciamos para a xente de aquí e a que ten unha segunda residencia no municipio. Queriamos dicirlles que podían vir tranquilos porque este é un pobo seguro e conseguímolo. Na miña vida fixera tantas entrevistas para Xapón, Brasil, Estados Unidos, Austria... Non vou a dicir que o verán fose un éxito, pero Sanxenxo tivo os mellores datos da provincia, de Galicia e de España na era da covid-19, e logramos amortiguar o seu impacto.

Que agarda o municipio do verán de 2021 e da vindeira Semana Santa?

Non me gusta dar por perdida a Semana Santa, pero hai que traballar claramente de cara ao verán, os establecementos teñen que poder abrir con normalidade, porque se non imos a pasalo mal moitas familias e moitas persoas. O 80% da nosa economía depende do turismo e hai que ir con precaución e prudencia para que non se nos disparen os casos de covid19 no arranque do ano. Agora estamos baixando con respecto a novembro, pero o efecto do Nadal aínda se vai ver un pouco máis adiante e temos que amortigualo coa vacinación e a experiencia.

Contempla un verán 2021 sen estacas en Silgar?

En principio traballamos coa intención de que non haxa estacas este verán. Estivemos pensando en quitar as que quedan, pero continuamos pendentes do que poida pasar. Moitas delas xa se están reutilizando en temas medioambientais.

Comentarios