Telmo Martín visita os colexios para dar inicio ás obras máis urxentes

O alcalde escoitou aos directores dos centros educativos
 
2020081113192883936
photo_camera Un momento da visita do alcalde aos centros educativos. CEDIDA

O alcalde, Telmo Martín, acompañado da concelleira de Educación, Paz Lago, e o edil de Obras e Servizos, Óscar Vilar Sartages, acudiron o luns aos colexios Magaláns, A Florida e Nantes, e ás garderías municipais de O Revel e O Tombo, onde analizaron cos directores dos centros as obras máis urxentes que acometer antes do comezo do próximo curso. A rolda de visitas segue este martes pola mañá cos colexios de Portonovo, O Telleiro e a escola unitaria de Aios.

As obras serán realizadas, na maioría dos casos, polos propios operarios municipais de Obras e Servizos. En Magaláns liquidaranse os problemas de humidade detectados en cinco aulas co cambio de tubaxes dos radiadores e o alicatado de parte da parede. As actuacións previstas na Florida centraranse na instalación de canalización de pluviais nun dos accesos do interior do colexio que provocou o afundimento de parte do chan. Na aula de manualidades retiraranse 7 lavabos para garantir a distancia social entre alumnos e instalarase un novo mesado de madeira, modificaranse as tomas dos enchufes e arranxaranse as persianas.

Os traballos serán realizados polos operarios municipais

En Nantes cambiaranse as tubaxes contraincendios e acondicionarase a contorna do centro. O goberno local terá novidades proximamente sobre o peche do pavillón ao que se dotará de iluminación de forma temporal, como solicitou a dirección do centro.

As actuacións nas garderías centraranse nos accesos para garantir o distanciamento dos nenos ao entrar e saír dos centros, así como nos patios. No caso do Tombo habilitaranse dúas novas portas e no Revel habilitarase unha senda de acceso e limitarase os espazos con valos para evitar o contacto de clases na saída ao exterior.

PREMIO. Onte reuniuse o xurado das XI Xornadas de Sanxenxo na Historia para decidir o premiado deste ano. Está formado por Telmo Martín, Paz Lago, Alberta Lorenzo e Ángeles Marcos, presidenta e secretaria de Aelos, respectivamente, e Manuel Deza, da Coral de Portonovo, gañadora da edición anterior.

Comentarios