Trasladada ao hospital unha persoa tras un incendio nun piso do Grove

Un lume iniciado no motor da neveira encheu de fume a vivenda

Unha persoa necesitou asistencia médica polo efecto do fume provocado por un incendio declarado na súa vivenda no Grove na madrugada do luns ao martes. 

Foi un veciño quen alertou ao 112 cando pasaban uns minutos das catro da madrugada. Atendendo á información divulgada pola central de emerxencias, un lume iniciado na cociña encheu de fume a vivenda —situada na Avenida de Portugal— e iso obrigou ao ocupante a buscar protección no balcón.

Os efectivos do Servizo Local de Urxencias e do GES de Sanxenxo desprazáronse ao lugar para sufocar o incendio, que comezaría no motor da neveira. Mentres, profesionais do 061 atenderon a persoa ferida, para trasladala despois ao Hospital de Montecelo, en Pontevedra.