A recentemente constituida Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo vén de facer un chamamento á "responsabilidade individual" e "aos órganos de Goberno municipal e autonómico ante o brutal incremento de casos covid no noso concello e arredores", unha situación que está a repercutir directamente no persoal sanitario do centro de saúde e PAC de Baltar, que este ano non contan co reforzo médico habitual durante a tempada estival.
Neste sentido, advertiron dende a Plataforma, o PAC "vese desbordado", xa que só existe "un factultativo para atender arredor de 100 pacientes por quenda". Os médicos de familia, pola súa banda, atenden "unha media de 90 pacientes por xornada". Ademais, aseguran, os seguimentos de casos de covid e as probas dos cribados están a levarse a cabo en Baltar, polo que o persoal debe "aguantar turnos de 14 horas un día tras outro".
O Consello fundador da Plataforma sanxenxina quixo deixar constancia de que "levamos 14 meses de loita, con pequenos remansos entre vaga e vaga, nos que o persoal, administrativos, persoal de limpeza, enfermeiras ou médicos, tratan de devolver a normalidade ao servizo sanitario público, pero cada vez con menos persoal e maiores requirimentos e sacrificios". Neste sentido, aseguran, "os sanitarios non se consideran heroes nin heroínas, xa que cobran polo seu traballo e teñen un aguante limitado. As súas forzas esgótanse", aclara o colectivo, que apela á concienciación.