jueves. 27.01.2022 |
El tiempo
jueves. 27.01.2022
El tiempo

As unitarias de O Tombelo e a subestación de Vilalonga demoleranse este ano

Fachada dos inmobles que formaban as escolas unitarias de O Tombelo, erixidas nos anos 60.
Fachada dos inmobles que formaban as escolas unitarias de O Tombelo, erixidas nos anos 60. CONCELLO
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, anunciou o derrubamento das ruínas de xeito inminente, ao que lle seguirá a escola do Casal, e valora a casa plantel de Dadín, contemplados para o vindeiro 2022  O Tombelo converterase en zona verde e a subestación pasará ao Concello

Dous símbolos do feísmo máis que desaparecerán en breve do mapa de Sanxenxo, e "antes de rematar o ano". Trátase das ruínas das escolas unitarias de O Tombelo, e do edificio exterior da subestación de Fenosa en Vilalonga.

Así o anunciou o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, este luns pola noite durante a celebración do Pleno ordinario da Corporación, e en resposta a unha moción presentada polo PSdeG-PSOE, na que a voceira socialista, Ainhoa Fervenza, alertou da perigosidade que presenta o estado dos inmobles que antigamente ocupaban as escolas de O Tombelo e Casal, despois de que en xullo deste mesmo ano o Pleno aprobara unha modificación orzamentaria de 72.000 euros para o derribo de O Tombelo e a subestación.

Porén, a moción foi desestimada no Pleno, con 10 votos en contra por parte do Partido Popular, e os votos a favor por parte da oposición. O mesmo alcalde xustificou os votos contrarios asegurando que "o Goberno non vai recoñecer unha moción que xa se vai facer".

Neste sentido, trátase dunha actuación xa contemplada na axenda do Goberno, que agora conta con un mes exacto para efectuar os derrubamentos. Á demolición das estruturas de O Tombelo úneselle este ano a da subestación de Vilalonga, e durante o vindeiro 2022 acometerase a demolición da escola de Casal. Valórase tamén a da estrutura coñecida como casa plantel de Dadín.

Tanto O Tombelo como a subestación de Vilalonga datan dos anos 60 e, tal e como anunciaron este martes dende o Goberno local, no caso da primeira, alisarase o terreo e prantarase céspede para o goce da veciñanza. O derribo é unha "prioridade" para o Goberno local, ao tratarse dunha estrutura que se atopa en estado de ruína, xa moi danada, sen que sexa posible a súa rehabilitación, polo que as súas condicións afectan á salubridade da veciñanza atopándose, ademais, próxima ás vivendas.

O inminente derribubamento de O Tombelo pecha toda posibilidade de rehabilitación do espazo. En 2019 a Asociación de Veciños San Estevo de Noalla anunciara conversas co Concello, co obxectivo de converter a escola nun centro social e a posible creación de prazas de aparcamento tras o posible derribo só de parte da estrutura que se atopaba en peor estado. Cabe lembrar que en maio de 2017 un incendio calcinara case por completo unha das salas da edificación.

Mentres que no caso de O Tombelo o proxecto de demolición está a ultimarse, segundo sinalaron dende o Concello, o Goberno local xa conta co do inmoble ubicado no recinto exterior da subestación de Vilalonga, e asinará proximamente un convenio con UFD Distribución Electricidad para a cesión do uso do espazo por 99 anos, periodo máximo legal permitido.

Grazas a este acordo, que Martín xa adiantara durante o Pleno, o Concello converterá a parcela nun espazo público, polo que se pretende mellorar a seguridade viaria e a imaxe da entrada principal da parroquia, coa dotación dunha marquesiña, unha parada e unha zona verde.

No que respecta á escola do Casal, trátase da edificación máis deteriorada con diferenza que, lembrou a edil do BNG Sandra Fernández, só conserva o armazón, e actualmente atópase tapiada. Sobre a estrutura de Dadín, Martín especificou que queda pendente revisar o seu estado, ante a dúbida dunha recente reforma, se ben todo apunta ao seu derribo.

Vivenda: SU é territorio protexido 
A modificación de varios solos urbanizables no municipio derivou nun debate plenario sobre o problema de vivenda en Sanxenxo, que espertou as críticas da edil do BNG, Sandra Fernández, sobre o modelo de SU.

"A nós este modelo non nos gusta, si o dos PEIS e os PERIS. Está clarísimo que os SU están destinados a segundas residencias, e non soluciona o problema de vivenda que teñen os mozos e mozas en Sanxenxo. Queremos que poidan mercar ou alugar unha vivenda en Sanxenxo, algo que é estrepitosamente imposible", manifestou, á vez que lembrou a necesidade de "apertura e consolidación" dos núcleos urbanos que, "se non, como Vilalonga, van seguir morrendo".

O alcalde lembrou que "o 60% do noso territorio está protexido" e destacou a importancia que tivo o PXOM de 2003 "en pleno ‘boom’ inmobiliario" para regulalo. 

 

Servizos: inauguración da urbanización
Martín puxo de relevo o avance en materia de servizos no municipio nos últimos tempos, que exemplificou cos traballos acometidos recentemente na parroquia de Vilalonga "onde antes non había nada, e este ano inauguramos un novo colexio".

Ademais, avanzou que este mesmo venres a inaugurarase tamén a urbanización de O Revel, na que estará a presidenta da Deputación, Carmela Silva. O rexedor respondeu a unha moción do PSdeG-PSOE na que a voceira reclamou a ampliación do centro de saúde de Baltar, antes de defender outra sobre a necesidade de infraestruturas para os Clubs de Xubilados de Vilalonga e Sanxenxo.

As unitarias de O Tombelo e a subestación de Vilalonga demoleranse...
comentarios