A urbanización de O Revel xa é unha realidade de 73.000 metros cadrados

Deputación e Concello inauguraron este venres os traballos de recuperación e dotación de servizos na maior zona de equipamentos de Sanxenxo
undefined
photo_camera Representantes municipais e da Deputación durante a visita á recente prantación de árbores. GONZALO GARCÍA

Máis que unha urbanización, un "punto de encontro para a veciñanza". Así definiron este venres os representantes da Deputación de Pontevedra e do Concello de Sanxenxo o que xa se converteu nunha realidade para os veciños e veciñas, e tamén na maior zona de equipamento do municipio.

A urbanización de O Revel, en Vilalonga, álzase así como "unha das actuacións máis importantes" que se realizaron «na provincia» nos últimos tempos, tal e como destacara a presidenta da Deutación, Carmela Silva, durante a súa última visita ao enclave, e que este venres foi a grande ausente durante a inauguración por motivos de axenda.

Si estiveron presentes o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez e a deputada Ana Mejías, xunto ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e as edís Paz Lago e María Deza. Ao acto acudiron tamén representantes veciñais e da empresa Covsa, encargada da obra, se ben estiveron ausentes os representantes dos grupos da oposición.

Nunha xornada á que o tempo non acompañou, tanto o deputado Santos Héctor coma o alcalde, salientaron as últimas actuacións en clave paisaxística realizadas na urbanización, e que deron por finalizadas as obras. Trátase do recente acondicionamento das zonas verdes, unha pasarela de madeira, barandas, e a xoia da coroa: a plantación dun total de 169 árbores que, apuntou Rodríguez, "son autóctonas e aportan".

A esta zona verde referiuse Martín como un enclave "non só visual, senón tamén olfativo", posto que á plantación de árbores engadíuselle a de varias plantas con estas propiedades. "Cando a vexetación creza, isto será unha zona de encontro espectactular", impulsado "polo ambiente do equipo de fútbol que hai aquí os domingos", afirmou Martín.

O proxecto da urbanización de O Revel, que conta con 73.000 metros cadrados de extensión, supuxo un desembolso de case 900.000 euros para a Deputación, e de preto de 400.000 euros para as arcas municipais. Un total de 1,2 millóns de euros que, destacou o deputado, en referencia á calidade do resultado da obra, "están xustificados".

As obras da urbanización, pertencentes ao Plan Especial de infraestruturas e dotacións da zona, previstas no PXOM de Sanxenxo, serviron para dotar a esta grande extensión de terreo do servizo de abastecemento de auga, enerxía eléctrica, infraestruturas e xardinería.

Un proxecto "importantísimo", segundo o deputado, que obedece ás "demandas que veñen facendo os veciños e veciñas, e que facilitan moito a vida diaria". A obra permitiu dotar ao espazo de catro viais, con tres deles que conflúen nunha rotonda, con dous carrís de tráfico rodado cun ancho de tres metros, beirarrúas amplas, e unha zona de estacionamento, con 82 prazas en total. Rodríguez referiuse, ademais, aos servizos da zona, que aglutina o centro de saúde, a escola infantil municipal, o campo de fútbol e o novo colexio recentemente inaugurado este mesmo curso escolar.

Proxectos para 2022. O alcalde de Sanxenxo deu mostras da boa saúde coa que conta a colaboración entre Concello e Deputación, e salientou diversas "operacións importantes para o vindeiro ano", como é a actuación no pavillón de Baltar, a recente adxudicación das obras na senda de Noalla, ou a estrada de Adina. "Hai actuacións importantes que imos levar a cabo conxuntamente, non só co Plan Concellos, senón grazas a convenios que se efectúan a través de fondos propios e da Deputación", asegurou Martín.

Neste sentido, afirmou, "a Deputación está axudando a transformar Sanxenxo e, neste caso, a transformar O Revel nunha parroquia importantísima de Vilalonga. Se non, non sería posible". Para o alcalde, "a colaboración institucional remata en cousas moi importantes coma esta", polo que mostrou vontade de continuidade.

O Concello analiza actuacións en dous terreos 
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, confirmou que o Concello analiza posibles actuacións en dous dos terreos pertencentes á urbanización que actualmente están libres, se ben destacou que "non debemos saturar todo isto de edificios".

Martín lembrou que inicialmente estaba previsto o centro sociocultural, aínda que "en Vilalonga tamén temos outros edificios". Así, asegurou que, no futuro, levaranse a cabo "algunhas actuacións máis que aínda haberá que facer", e mostrouse satisfeito con respecto á proxección da zona

Comentarios