Varios hoteis de Sanxenxo colgan o aforo completo para diferentes datas de agosto

Desde CETS destacan a alza da anticipación das reservas de cara a este verán, en contraposición á habitual "última hora". O sector conta con "moi boas perspectivas" tamén para o mes de xuño
Bañistas en Silgar na pasada tempada de verán. DAVID FREIRE
photo_camera Bañistas en Silgar na pasada tempada de verán. DAVID FREIRE

Cheo total en varias datas do mes de agosto en hoteis de Sanxenxo a dous meses vista. Así son as perspectivas do que é o verán con maiores previsións a nivel de ocupación no municipio durante os últimos anos, e que o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), Alfonso Martínez, calificou como "moi boas, tendo en conta o ritmo tan bo de reservas que estamos tendo". Tal e como explicou Martínez, "hai incluso datas no mes de agosto nas que están xa moitos establecementos completos".

Precisamente, estas datas de aforo completo nos hoteis sanxenxinos durante o mes de agosto concéntranse, na súa maior medida, durante a primeira quincena, "que é a máis forte", se ben, tal e como destacou o presidente do Consorcio, "aínda queda moito por vender, temos moitas prazas".

Cabe recordar que, segundo as últimas estimacións do Concello, en base a datos do Instituto Nacional de Estadística (Ine), CETS e Aviturga, o municipio conta cun total de 97.612 prazas para visitantes, das que 9.931 corresponden a 167 hoteis, mentres que o groso radica nas 68.550 prazas de 11.425 segundas residencias, e 29.062 son prazas de aloxamento turístico repartidas en 12.108 prazas das 2.018 vivendas turísticas; 4.184 de 11 campings e 2.839 prazas de 42 apartamentos turísticos.

O pasado ano 2021, ademais, produciuse un importante incremento de prazas de aloxamentos turísticos, mentres que o municipio conta coa maior capacidade hoteleira do norte de España, superando a Bilbao, con case 2.000 prazas hoteleiras menos que Sanxenxo.

Desde CETS destacaron, de cara a este verán 2022, "a anticipación das reservas" que, tal e como explicou o presidente do Consorcio, "era unha tendencia xa dos últimos anos, pero coa pandemia medrou máis", algo que contrasta coa habitual "última hora" no que a reservas hoteleiras se refire en anos anteriores. "A xente reservaba sempre moi enriba da data, moi a última hora, pero a verdade é que agora está habendo moita antelación neste sentido", remarcou Martínez. Neste sentido, valorou, "isto fainos pensar que a xente está desexando vir a Sanxenxo polo verán, e non quere deixar esta cuestión para o último momento. Prevemos un moi bo verán", asegurou.

Estas boas perspectivas por parte do sector tamén se aplican para este mes de xuño que acaba de comezar. Tal e como explicou o presidente de CETS, "temos moi boas expectativas, e iso que xuño adoita ser un mes frouxo, sobre todo na primeira quincena, mentres non dan vacacións nos colexios. Estase traballando moi ben as fins de semana, e tamén durante a semana", asegurou.

O sector hoteleiro que, segundo os últimos datos conta con máis de 9.900 prazas, prevé unha ocupación de récord no verán

PÚBLICO VARIADO. Durante a tempada estival, e tendo en conta a grande oferta do sector hoteleiro e turístico en Sanxenxo, a gran cantidade de visitantes que acoden ao municipio, no que nun día de praia poden chegar a concentrarse unhas 130.000 persoas entre visitantes e veraneantes que pernoctan en Sanxenxo, distribúense nos diferentes establecementos de xeito que estes logran equiparar entre si o seu nivel de ocupación.

"Na tempada baixa os hoteis de catro estrelas sempre adoitan ter maior ocupación, porque as fins de semana as tarifas non son as mesmas que no verán, e teñen servizos de spa, cunha maior aceptación. Todos os establecementos adoitan traballar, pero estes máis", explicou Martínez, quen destacou que, fóra dos meses de tempada baixa, durante o verán, "estes xa se equiparan porque temos público para todo, repartido de xeito homoxéneo entre campings, pensións ou hoteis", polo que todas as modalidades acadan unha gran demanda.

Comentarios