Os veciños de tres barrios de Vilagarcía terán preferencia para estacionar

O Concello anuncia que en Carril, Os Duráns e O Piñeiriño será aplicada a Zona Residente
2020062913024865954
photo_camera O céntrico barrio dos Duráns conta cunha alta densidade de poboación e escasos aparcadoiro. F.S.

Carril, e os barrios dos Duráns e O Piñeiriño, serán os primeiros espazos nos que o Concello de Vilagarcía ten previsto implantar o que denomina Zona Residente.

Este sistema, que está a ser aplicado en diversas cidades desde hai varios anos, outorga aos residentes prioridade á hora de estacionar os seus vehículos no barrio no que viven, especialmente naqueles densamente poboados e tamén nos que escasean as prazas de aparcadoiro.

A implantación da Zona Residente é un compromiso anunciado polos socialistas durante a pasada campaña electoral, recorda o Goberno local, que converterá en realidade ao longo dos próximos meses.

A Concellería de Mobilidade promove esta medida, que será regulada no marco da Ordenanza de Municipal de Tráfico, un motivo polo que o seu articulado está a ser deseñado conxuntamente coa Policía Local. A previsión anunciada polo Concello de Vilagarcía pasa por outorgar a aprobación da modificación da Ordenanza no próximo Pleno, o correspondente ao mes de xullo. Tamén apunta que nas semanas previas á sesión convocará á Xunta de Voceiros para explicar a proposta e recoller as achegas que os restantes grupos (PP, BNG, En Común, Marea na Vila e Ciudadanos) poidan facer para mellorar o proxecto.

Neste documento estarán especificados os requisitos e o procedemento para obter o cartón de residente, así como as normas de funcionamento da Zona Residente e os espazos nos que será aplicada.

En principio, será posta en marcha naqueles lugares máis densamente poboados e con carencia de prazas de aparcadoiro. Os Duráns e O Piñeiriño reúnen as dúas características, ao contar cunha elevada concentración de bloques de vivendas que, na maioría dos casos, carecen de garaxes, o que obriga aos seus inquilinos a aparcar nas rúas.

En Carril abundan as vivendas unifamiliares e os edificios de poucos pisos, pero tamén carece de garaxes e as súas rúas estreitas impiden dispor de espazo para crear prazas de estacionamento.

Unha medida complementaria ao plan de humanizacións
A implantación da Zona Residente é unha medida complementaria aos plans de humanización que leva a cabo o Concello e concretáronse coa peonalización da Rúa Cervantes, en Carril, o ensanche de beirarrúas nos Duráns, a proba da peonalización da Rúa Camilo José Cela e outras actuacións pendentes de acometer en Fontecarmoa, Francisco Porto Rei e Álvaro Cunqueiro, no Piñeiriño, ou a segunda fase nos Duráns, que afectará a Aquilino Igrexas.

A terceira das medidas para facer compatible as humanizacións coa mobilidade foi a creación de bolsas de aparcadoiro público na leira da familia Rei, en Carril; os solares da Avenida de Cambados e xunto ao Pavillón de Fontecarmoa, Os Duráns e Marxión.

No entanto, o Concello asume que debe "facilitar máis a vida dos residentes, dándolles máis facilidades para estacionar o máis cerca posible das súas casas".

Comentarios