Un home de 71 anos faleceu este luns tras precipitarse coa súa furgoneta ao mar no peirao de Portonovo, en Sanxenxo.
O vehículo caeu á auga ao redor das 20.45 horas e o corpo foi rescatado uns 40 minutos despois. A furgoneta foi achada a uns 50 metros aproximadamente do espigón, debido ás fortes correntes mariñas.
Aínda que os efectivos sanitarios trataron de reanimar á vítima durante uns 30 minutos, non puideron facer nada pola súa vida.
Por agora descoñécense as causas do suceso. Segundo testemuñas presenciais, o condutor non reduciu a velocidade en ningún momento.
Os servizos de urxencias e ambulancias desprazáronse ao lugar, así como un equipo de mergulladores, unha dotación da Policía Local de Sanxenxo e da Garda Civil.