Vilagarcía continúa co seu plan de accesibilidade ensanchado as beirarrúas

Esta actuación ten un prazo de remate de 6 semanas e aproveitarase para mellorar as redes de saneamento e recollida de auguas pluviais
 
2020082013412873488
photo_camera El alcalde Alberto Varela. OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía executará no último trimestre do ano unha nova actuación de mellora da accesibilidade, neste caso, a que afectará ao tramo máis céntrico da Avenida Doutor Tourón e a uns metros da rúa Alejandro Cerecedo. Trátase do ensanche da beirarrúa que discorre entre a ponte do río Con ( en Doutor Tourón) e as galerías Gallego (xa en Alejandro Cerecedo).

Con esta obra, a beirarrúa desta marxe da calzada ampliarase para dispor dun ancho mínimo de 1,80 metros e adaptarase ao nivel dos pasos de peóns elevados, mellorando considerablemente a accesibilidade e a mobilidade das persoas que frecuentan estas rúas de acceso ao centro urbano e que forman parte da transitada ruta aos centros escolares da Lomba e ás zonas comercial e de ocio da Xunqueira.

O proxecto, no que o Concello vilagarciano investirá 48.388 euros, aprobouse o martes na reunión da Xunta de Goberno Local, que tamén acordou adxudicar a obra á empresa Galsur Proyectos y Obras.

Esta actuación xa hai meses que estaba planificada. De feito, o Concello xa a avanzara mediante sinalización horizontal cando se procedeu á instalación dos semáforos definitivos na encrucillada da Avenida Doutor Tourón coas rúas Alejandro Cerecedo e Far iña Ferreño e se crearon os ciclo carrís nesta zona. Dende ese momento, unha liña amarela prohibe estacionar na marxe oeste de Doutor Tourón e no primeiro tramo de Alejandro Cerecedo en previsión do espazo que se utilizará agora para ensanchar a beirarrúa.

Como xa se dixo, a beirarrúa terá un ancho mínimo de 1,80 metros en toda a súa extensión (uns 80 metros de Doutor Tourón e outros 45 de Alejandro Cerecedo). O firme habilitarase con pavimento continuo de formigón acabado con cemento branco fratasado e rallado mediante cepillo metálico.

Ademais da ampliación da zona de tránsito das persoas, o proxecto tamén prevé a mellora das redes de saneamento e de pluviais, así como a adecuación dos sumidoiros de recollida de pluviais á nova configuración da beirarrúa. A actuación completarase coa instalación da sinalización horizontal e vertical correspondente. O prazo de execución dos traballos é de seis semanas.

OBRAS ANTERIORES. Esta actuación dá continuidade ás obras de mellora da accesibilidade executadas anteriormente en ámbalas dúas rúas. Por un lado, a de ensanche de beirarrúas na propia ponte sobre o Con ata a glorieta da Mariña Española, onde a estreitura e os desniveis da mesma impedían transitar aos peóns con seguridade, e por outro a da peonalización das travesías de Alejandro Cerecedo, que tamén conlevou a reforma de parte da beirarrúa desta rúa.

Comentarios