Vilagarcía solicita 3,4 millóns a Industria para modernizar o sector turístico

Casa consistorial de Vilagarcía. GOOGLEMAPS
photo_camera Casa consistorial de Vilagarcía. GOOGLEMAPS

O Concello de Vilagarcía presentará unha serie de iniciativas ao Plan Nacional Turístico Xacobeo, convocado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, para cuxa execución solicitou unha subvención de 3,4 millóns de euros

Modernizar o sector turístico é a súa finalidade, e na relación de intervencións figuran a recuperación de espazos, infraestruturas e equipamentos, creación de novos servizos e dotación de sinalización dixitalizada. 

As 17 actuacións que inclúe distribúense en catro eixos de actuación: competitividade, transición verde e sostible, mellora da eficiencia enerxética e transición dixital. 

Entre as iniciativas figura a construción das piscinas ao aire libre na contorna da praia e o acondicionamento para uso turístico dunha parcela de 6.800 metros cadrados no Ramal. 

Tamén se propón instalar sinalización turística en braille e pictogramas, a restauración do tramo que enlazará a Vía Verde coas Ciclovías, o acondicionamento de aparcadoiros e puntos de recarga para cadeiras de rodas, bicicletas e patíns eléctricos, entre outras intervencións.

Comentarios